+034 986 09 02 04 Venres 19 de Outubro de 2018

Cores Tourís analiza coa Federación Galega de Caza a situación dos cotos de Ponte Caldelas e O Rosal de cara a poder retomar a actividade cinexética


 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra recordou que a lei marca tres anos para poder cazar en zonas afectadas polos incendios

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo esta mañá unha reunión cos representantes da Federación Galega de Caza co obxectivo de analizar a situación dos cotos de Ponte Caldelas e O Rosal que foron afectados por lumes forestais en 2013.

Na reunión estiveron acompañados polo xefe territorial de Medio Ambiente, Alberto Fuentes, e o xefe do Servizo de Incendios, Manuel Francisco.

Deste xeito, o presidente da Federación, Francisco Couselo, trasladou a Cores Tourís o interese dos cotos en retomar a actividade cinexética nestes dous concellos xa que a recuperación dos montes, na opinión dos cazadores, é óptima para poder recuperar a caza.

Neste senso, o delegado territorial recordou que aplicando o artigo 44 da lei 3/2007 de Prevención de Incendios, son tres os anos naturais que deben pasar para poder retomar esta actividade en zonas afectadas polo lume. “Isto significa que tanto en Ponte Caldelas como no Rosal poderíase autorizar a caza a partir do 1 de 2017”, explicou.

Sen embargo, este artigo ten unha excepción, segundo tamén apuntou Cores Tourís, “que a Consellería competente emita un informe a través do cal se garanta que a recuperación medioambiental nestas zonas é a adecuada para que se retome a caza”.

A este respecto, Medio Rural visitou fai pouco, a través dos técnicos da Xefatura Territorial, as zonas afectadas, “e segundo nos apuntan, o informe vai ser favorable de cara ao 16 de outubro que é a data na que se abre a temporada de caza”.

O delegado territorial aproveitou a reunión para agradecer á Federación a súa colaboración na loita contra os incendios forestais, recordando a firma dun acordo coa Xunta en 2013, que permitiu a posta en marcha de accións preventivas durante este ano tanto sobre a poboación como sobre o territorio. O acordo céntrase na realización de actividades de prevención e defensa contra incendios forestais a través de tarefas de detección, vixilancia e disuasión a desenvolver polos servizos de vixilancia dos Terreos cinexeticamente ordenados (Tecor). A finalidade común é a de divulgar e concienciar do risco dos lumes, minorar o número de incendios e levar a cabo un rápido control dos mesmos.

Por outra banda, durante a reunión tamén se analizou a necesidade de un maior control de depredadores por parte da Xunta así como que se reactive a actividade de Mouriscade. Sobre o primeiro punto, o delegado territorial insistiu en que se analizará esta posibilidade, aínda que sobre o segundo informou de que deben trasladar a súa demanda á Deputación de Pontevedra, responsable deste centro.

Deja un comentario