+034 986 09 02 04 Luns 30 de Novembro de 2020

A Fundación Galicia Europa traballa xa no escenario da política de cohesión despois de 2020


O padroado da FGE reuniuse en Santiago para aprobar as contas do exercicio de 2015 

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, explicou esta mañá ante o padroado da Fundación Galicia Europa (FGE), da que é director, que as prioridades da Xunta en Bruxelas pasan por obter un deseño da Política de Cohesión máis alá de 2020 favorable a Galicia e a un dos retos máis urxentes da comunidade: facer fronte ao cambio demográfico. A reunión deulle tamén o visto bo ás contas do exercicio de 2015 e serviu para repasar as actividades da FGE ao longo do ano pasado, plasmadas na Memoria 2015, así como enunciar as que están marcando o primeiro semestre de 2016. Ademais, o director da FGE abordou asuntos de actualidade comunitaria como o referendum británico sobre a permanencia do Reino Unido da UE ou a política migratoria. Na reunión tamén participaron a conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o director xeral de Planificación e Orzamentos, Miguel Corgos.

O inicio do debate sobre o futuro da Política de Cohesión centran boa parte das actividades da FGE en Bruxelas. A Comisión Europea anunciou que a partir de 2020 esta se rexerá por criterios de flexibilidade, unha vinculación máis forte á coordinación das políticas económicas marcadas no Semestre Europeo, a atención a resultados e a simplificación. Galicia está xa inmersa na defensa desta política, que contribuíu intensamente ao desenvolvemento da comunidade, a través da participación na rede de rexións “Xuntos pola Cohesión”, cuxo principal labor é a elaboración dunha declaración en defensa dos fondos asignados ás rexións (que representan actualmente un terzo de todo o orzamento comunitario) e do papel destas no deseño da Política de Cohesión. A FGE está, ademais, a coordinar a participación española nesta rede.

Resposta ao desafío demográfico
En canto á demografía, a FGE está a definir unha estratexia coa que defender as preocupacións galegas verbo do declive poboacional no deseño das políticas comunitarias a partir de 2020. Con este obxectivo, participa na Rede de Rexións afectadas polo Cambio Demográfico (DCRN nas súas siglas en inglés), que agrupa a varias rexións coas que comparte os mesmos desafíos demográficos, e está a organizar dous seminarios en Bruxelas para outono. Grazas ao traballo da DCRN, o Comité Europeo das Rexións aprobou a semana pasada un ditame sobre a resposta da UE aos desafíos demográficos e se estableceu contacto cos distintos actores que están a traballar nestas cuestións no ámbito comunitario, como a asociación europea en defensa dos maiores, Age Platform, ou a rede de centros de investigación en demografía, Population Europe.

Como exemplo do que se está a facer en Galicia no eido demográfico, a FGE presentou en Bruxelas o proxecto “fogares intelixentes” para ofrecer unha mellor atención aos maiores dentro do seu entorno habitual e o Plan de Apoio á Natalidade

Aposta pola formación
O ano 2015 deixa un saldo positivo nos orzamentos da FGE, dedicado ás bolsas de asuntos comunitarios, a principal aposta da FGE en materia de formación. Un ano máis, a entidade convocou en 2015 seis bolsas para as súas oficinas de Santiago e Bruxelas; catro delas van destinadas ao seguimento de políticas comunitarias, unha a Secretariado ou Administración e outra a Comunicación. Ademais, por primeira vez e con ocasión da entrada da Axencia Galega de Innovación (GAIN) no padroado, convocouse unha bolsa dirixida a titulados no ámbito da I+D+i para realizar un seguimento das oportunidades de financiamento ao abeiro de Horizon 2020, o programa de innovación da UE. Todos os bolseiros están levando a cabo a súa formación en Bruxelas en Santiago ao longo do presente ano.

Sensibilización e divulgación
Durante o ano 2015, a FGE seguiu prestando apoio á participación galega no Comité das Rexións e en diversas redes de cooperación rexional en Bruxelas. Máis de 30.000 persoas foron beneficiarias das actividades da FGE e ata 300 participaron nos sete cursos sobre financiamento comunitario que organizou ou nos que colaborou a entidade. A FGE seguiu apostando pola divulgación da actualidade comunitaria en Galicia e pola presenza galega en proxectos europeos, obxectivo para o cal convocou por ver primeira en 2015 o programa TecEuropa de especialización en financiamento comunitario.

Ademais da súa presenza en numerosas xornadas informativas para dar a coñecer as oportunidades de emprego e estudo que ofrecen as institucións comunitarias, a FGE sacou do prelo a quinta edición da súa Guía de Prácticas e Saídas Laborais na Unión Europea e Organizacións Internacionais, que conta tamén cunha versión web.
A Fundación Galicia Europa
A Fundación Galicia Europa (FGE) é unha entidade instrumental do sector público autonómico creada en 1988 co fin de promover todas as accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa. Participada por diversas entidades públicas e privadas galegas, a Fundación está vinculada funcionalmente á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, da Vicepresidencia da Xunta de Galicia. Conta con dúas oficinas: unha en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das preto de 300 representacións rexionais establecidas na capital comunitaria.

Deja un comentario