+034 986 09 02 04 Luns 24 de Setembro de 2018

Educación ampliará con novas aulas o CEIP da Sobrada de Tomiño


 

O xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, visitou este centro para analizar as obras que se executarán ao longo deste verano

A Consellería de Educación ten previsto levar a cabo a ampliación de novas aulas de Infantil no CEIP da Sobrada de Tomiño, o que suporá un investimento de máis de 225.000 euros.

Así o destacou o xefe territorial de Cultura e Educación, César Pérez Ares, durante a súa visita a este colexio acompañado de varios representantes do grupo de Goberno local, así como do portavoz do PP, e da Unidade Técnica e Inspección de Educación. Tamén estiveron presentes os arquitectos da obra que presentaron ao concello o proxecto.

O CEIP da Sobrada ten recoñecidas por catálogo tres unidades de Infantil e 9 de Primaria. Dúas das aulas de Infantil atópanse nun edificio fronte ao principal do centro onde se atopa outra das aulas. “Para poder acceder ás dúas aulas de Infantil hai que cruzar unha estrada que separa a ambos edificios. Os nenos a penas teñen zona de recreo polo que deben acceder por ese camiño ata os patios do edificio principal, o que supón problemas cando chove”, explicou Perez Ares. “Isto unido ao informe técnico que expón que o estado destas aulas non é todo o óptimo que desexaríamos, consideramos que sería adecuado facer un aulario novo para Infantil, xa que, ademais, a aula que teñen no edificio principal tampouco ten as dimensións axeitadas para realizar nela todas as actividades educativas”.

Para o próximo curso, o número de alumnos escolarizados no centro en Infantil será de 50, o que supón un aumento significativo. “Todo o anterior unido a este aumento de matrícula fixo que tomáramos a decisión de satisfacer as necesidades do alumnado desta etapa educativa e ampliar as aulas”, engadiu o delegado territorial.

En total, se destinarán a novas aulas 227 metros cadrados, onde se instalarán 3 aulas de infantil, os aseos, un aula de psicomotricidade, un vestíbulo e un almacén.

Este proxecto, segundo apuntou o xefe territorial, “englóbase dentro do Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas 2016-2020 anunciado recentemente polo conselleiro de Cultura e Educación, como parte dos recursos obtidos a través do Fondo de Superávit de Responsabilidade co que o Goberno central recompensa á nosa comunidade autónoma por ter cumprido o obxectivo de déficit”.

As obras previstas para este colexio de Tomiño, como as que se levarán a cabo este verano noutros centros de Pontevedra, responden a unha priorización en función de 4 criterios técnicos, nomeadamente os de seguridade, utilidade, accesibilidade e habitabilidade; sendo todas elas obras determinadas a partir das avaliacións realizadas polas unidade técnicas da Consellería. “A nosa provincia verase beneficiada con un total de 14,1 millóns de euros, executándose obras de mellora e ampliación en 134 colexios e institutos”, engadiu o César Pérez Ares, quen matizou que “no caso de Pontevedra, as necesidades orixinan actuacións máis integrais e de maior envergadura que noutras zonas de Galicia, polo que esta provincia concentrará o 35,5% dos recursos económicos”.

Pola súa banda, a alcaldesa da localidade agradeceu a colaboración da Xunta para a execución destes traballos que permitirán dotar ao centro dun espazo axeitado para o alumnado de Educación Infantil.

A Consellería de Educación leva investidos nos diversos centros educativos de Tomiño máis de 720.000 euros nos últimos anos, levando a cabo cambios de ventás e portas, mellora de aseos, reparacións de cubertas e fontanería, reposición de liñas eléctricas e beirarrúas, entre outras.

Deja un comentario