+034 986 09 02 04 Martes 22 de Setembro de 2020

O Goberno da Deputación adxudica o programa “Depo En Marcha”


A iniciativa, que conta cun orzamento de 120.000 euros, conta con 29 obradoiros que buscan favorecer o envellecemento activo das persoas maiores da provincia, establecemento de relacións sociais e evitando situacións de illamento e soidade

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a adxudicación do procedemento aberto convocado para a contratación da xestión, desenvolvemento e execución do programa Depo En Marcha, elaborado polo Servizo de Cohesión Social e Xuventude. A empresa beneficiaria, a quen se lle adxudica o desenvolvemento deste programa ata o 31 de decembro do presente ano 2016, foi “Magnafor Qualitas, S.L.”.

Os 29 obradoiros incluídos dentro do programa Depo En Marcha correspóndense con oito grandes bloques: Traballando coas Mans (cestería, pintado de teas, reciclaxe ou arte floral), Entre fogóns (cociña galega, elaboración de conservas, licores, panadería, repostería, tapiñas ou petiscos), Aprendendo da Natureza (un obradoiro de plantas medicinais e outro de poda e tarefas de campo), Móvete (pilates, ioga, taichí, ximnasia de mantemento e zumba), Activando Corpo e Mente (conservación da memoria, musicoterapia, risoterapia ou control e manexo da ansiedade e o estrés), Dálle Marcha (bailes de salón, pandeireta e canto popular), Enredando (xogos tradicionais, teatro e fotografía) e En Rede (internet e correo electrónico, iniciación á informática e informática avanzada).

Todos eles forman parte dunha iniciativa da Deputación de Pontevedra, a través do seu Servizo de Cohesión Social e Xuventude, posta en marcha tras detectar a necesidade de establecer medidas que favorezan o envellecemento activo, optimizando as oportunidades de saúde, de participación e de seguridade coa finalidade de mellorar a calidade de vida das persoas maiores da provincia de Pontevedra.

Á súa vez, Depo En Marcha tamén busca o establecemento de relacións sociais e de movementos de participación e cooperación social entre as persoas participantes, polo que promove por unha banda o establecemento de espazos de encontro e de intercambio de experiencias e, por outra, a independencia das persoas maiores, evitando o illamento e as situacións de soidade que se dan en moitas ocasións entre as persoas que se atopan neste rango de idade.

Deja un comentario