+034 986 09 02 04 Xoves 18 de Xullo de 2019

Jacobo Moreira agradece aos 17.474 pontevedreses a confianza depositada no PP


O PP crece en 1.208 votos con respecto ao 20D, o que supón 4,14 puntos máis

“Pontevedra expresou onte o seu apoio claro e contundente ao seu veciño, Mariano Rajoy, e ao Partido Popular, que segue a ser a formación que máis se parece aos pontevedreses”, así o sinalou este luns o presidente local do PP en Pontevedra, Jacobo Moreira, “17.474 pontevedreses ofrecéronnos a súa confianza, e hoxe quero agradecerlles este apoio, un apoio que permitiu ao PP gañar as eleccións en Pontevedra”.

Con respecto ao pasado mes de decembro, o Partido Popular logrou acadar 1.208 votos máis, o que supón 4,14 puntos sobre os resultados obtidos nas pasadas eleccións xerais. O Partido Popular gañou en 98 das 105 mesas electorais que conforman o municipio de Pontevedra, o que supón máis do 93%, fronte as 72 dúas mesas electorais do pasado 20 de decembro.
“Estamos a recuperar a confianza día a día dos veciños, nas eleccións europeas do 2014 acadamos máis de 8.560 votos en Pontevedra, nas municipais de 2015 foron 10.725 pontevedreses os que nos ofreceron o seu apoio e no pasado mes de decembro 16.266. Pero non nos conformamos e dende hoxe mesmo comezamos a traballar para incrementar esta confianza de cara os próximos comicios autonómicos”, resaltou Jacobo Moreira.
Con respecto ao BNG, “seguen a perder votos. Tan só na única mesa de A Canicouva lograron gañar, pero perdendo 27 votos con respecto ao pasado mes de decembro”, sinalou Jacobo Moreira, que destacou que nesta parroquia o PP acurtou distancias cos nacionalistas, se en 2015 a diferenza foi por 55 votos, onte o BNG tan só obtivo 32 votos máis que o PP. “Os nacionalistas perderon en Pontevedra 757 votos deixando claro que o BNG é xa un partido residual, en declive, e isto debería facerlle reflexionar ao señor Lores para que trate de chegar a acordos coas demais formacións políticas”, manifestou, “pensabamos que o mal resultado do BNG en decembro foi froito da confusión en canto ao nome da candidatura, pero hoxe vemos que non, pois o resultado foi incluso peor”.
Ciudadanos cae en 781 votos dende decembro, 1,13 puntos menos, “comeza a costa abaixo de ciudadanos, o que nos parece lóxico unha vez que os pontevedreses puideron comprobar que unha cousa é o que din, e outra o que fan”, puntualizou o presidente local. Marea caeu en 2.296 votos, 3,57 puntos menos, aínda que seguen a ser a segunda forza máis votada por riba dos socialistas.
“En resumen, tal e como o avanzamos en Campaña, Pontevedra envorcouse co Partido Popular. Logramos conectar de novo cos pontevedreses e temos que dicirlles que seguiremos ao seu carón”, apuntou Jacobo Moreira quen avanzou quen “dende hoxe traballamos xa de cara ás eleccións autonómicas, para manter a maioría absoluta en Galicia e revalidar a Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta”.
Antes de rematar a súa comparecencia, o presidente local do PP en Pontevedra quixo agradecer a labor realizada onte por todos os axentes electorais do PP: interventores, apoderados e coordinadores, e tamén aos membros do comité de campaña, “polo seu esforzo, traballo e dedicación que onte viuse recompensado”, sentenciou.

Deja un comentario