+034 986 09 02 04 Venres 25 de Maio de 2018

A “Ruta Pincho Rías Baixas”, unha ruta de sendeirismo e varias food-truck, novidades da XI Festa do Tinto Rías Baixas nas Neves


A festa celebrarase o 9 e 10 de xullo, aínda que o programa de actividades comezará este venres 1 de xullo

 

A primeira “Ruta Picho Rías Baixas”, unha ruta de sendeirismo con visita a adegas vinculadas á Ruta do Viño Rías Baixas e diferentes food-truck no espazo habilitado para a hostalería conforman as tres principais novidades do programa da XI Festa do Tinto Rías Baixas, que se celebrará nas Neves os próximos 9 e 10 de xullo. Unha programación que foi presentada polo presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, Juan Gil de Araujo; o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez; a representante do Departamento de Turismo do Concello das Neves, Erika Álvarez, e a representante da adega Señorío de Rubiós, Montse Bastos.

A gran novidade deste ano será a celebración da primeira “Ruta Pincho Rías Baixas” nos establecementos de hostalería locais, que acollerán degustacións de viños da Denominación de Orixe Rías Baixas maridados con petiscos elaborados especialmente para a ocasión polos hostaleiros das Neves. O concurso desenvolverase desde este venres 1 de xullo e ata o venres 8 de xullo.

O programa de activides inclúe unha actuación do grupo de teatro Limiar, que representará “A lingua na boca” no auditorio municipal das Neves o mércores 6 de xullo ás 21:00 horas. Unha representación incluída no “Ano Castelao”, da Deputación Provincial de Pontevedra.

Cata profesional con Pedro Ballesteros

Para o 7 de xullo está programada unha cata profesional a cargo de Pedro Ballesteros, único Master of Wine español, que terá lugar no mercado municipal das Neves a partir das 18:00 horas. A participación é totalmente gratuíta, aínda que é necesario inscrición previa a través dos e-mails: turismo.asneves@fegamp.gal e asneves@fegamp.gal, ou mediante o teléfono 986 648 038.

Sobre este acto en concreto, Juan Gil destacou a importancia de que o único Master of Wine español ofreza unha cata de viños desta Denominación de Orixe. Ademais, lembrou que “Pedro Ballesteros sempre apostou polo proxecto dos tintos de Rías Baixas”, por iso é polo que fixese o esforzo de dirixir esta sesión nas Neves.

A programación previa ao comezo da XI Festa do Tinto Rías Baixas das Neves completarase o venres 8, a partir das 21:00 horas, cunha cata maridaxe no Mercado Municipal. Neste caso, o prezo será de 15 euros e os interesados deberán inscribirse, con data límite do 6 de xullo, a través do mail lacocinademiabuelo@gmail.com ou do teléfono 686 978 607.

Apertura da festa

Polo que se refire á festa, este ano incluirá como novidade a celebración dunha ruta de sendeirismo e unha visita a adegas vinculadas á Ruta do Viño Rías Baixas, durante a mañá do venres 9 de xullo. Unha actividade gratuíta e de prazas limitadas. O prazo límite para anotarse é o 7 de xullo e as inscricións pode realizarse no mail info@rutadelvinoriasbaixas.com ou nos teléfonos 986 09 10 88 ou 687 523 230.

As casetas da festa abrirán as súas portas na praza maior das Neves tanto o venres como o sábado en horario de 11:00 a 21:00 horas. No espazo habilitado para a hostería, este ano incluirase unha novidade: varias Food-Truck, camións restaurante que complementarán a oferta tradicional e auctóctona. O grupo Rouco & Fol realizará unha actuación ás 12:00 horas e amenizará musicalmente toda a xornada.

Túnel do Viño

Paralelamente, o catador Nacho Costoya guiará un Túnel do Viño no mercado municipal. Esta actividade supón unha oportunidade única para coñecer os tintos da Denominación de Orixe Rías Baixas, a través das indicacións deste profesional do sector. Ata a data, están confirmadas 36 marcas dunha quincena de adegas que se poderán degustar no devandito Túnel do Viño.

O prezo da entrada a este túnel do viño será de 10 euros. O seu horario será o sábado 9 de xullo, de 12:30 a 14:30 e de 20:30 a 22:00 horas, e o domingo 10 de xullo, en horario de 12:30 a 14:30 horas.

Pregón

O pregón desta celebración terá lugar o sábado 9 de xullo, ás 13:00 horas, a cargo de Pablo Américo Saa González, profesor de Viticultura e Enoloxía do CIFP A Granxa (Ponteareas). Pechará a xornada a actuación musical de Pelepau, que dará comezo ás 22:30 horas.

O domingo 10 de xullo a nota musical correrá a cargo da Banda Musica Popular de Rubiós, ás 13:00 horas. Xunto a eles, a partir das 18:00 horas, a compañía Illa e Triska presentará e espectáculo infantil “Lle Triska Inmobile”.

Deja un comentario