+034 986 09 02 04 Luns 11 de Novembro de 2019

O Xulgado dá a razón ao Concello na denegación da licenza dun crematorio no Barrio da Parda


O Xulgado do Contencioso Administrativo número 3 de Pontevedra vén de comunicar ao Concello a desestimación do recurso contencioso administrativo interposto pola sociedade Tanatorio San Mauro S.L., que pretendía obrigar ao Concello de Pontevedra a continuar coa tramitación da solicitude de licenza urbanística para instalar un forno crematorio no soto do tanatorio situado fronte a porta do cemiterio municipal.
A empresa pretendía que a licenza estaba concedida por silencio administrativo, unha vez que presentou a solicitude en 2008 e o Concello, supostamente, non lle tiña respostado ata 2010. A demanda foi ampliada posteriormente, instando tamén á continuación do expediente a partir dunha nova solicitude formulada pola empresa xa no ano 2013.
A sentenza desestima completamente o recurso e declara conforme a dereito todas as actuacións municipais.
A xuíza entende, ao respecto da solicitude de 2008, que non existiu tal silencio administrativo, pois os técnicos municipais requeriron repetidamente documentación e subsanación de deficiencias na solicitude presentada, que non foron atendidas polo peticionario ata 2010. Polo tanto, entende que a paralización non se debeu á Administración local, senón ao solicitante.
Con respecto á solicitude de continuación do expediente formulada en 2013, a xuíza lembra que o 22 de novembro de 2012, o Concello acordou a suspensión de licenzas para crematorios por un período dun ano, ao obxecto de modificar o Plan Xeral e regular o tipo de solo onde poden instalarse os fornos crematorios. E, a continuación, conclúe que a actuación municipal no referido a esta suspensión é tamén conforme a dereito.

O concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, amosa a súa satisfacción por esta nova resolución que volve dar a razón ao Concello en diferentes iniciativas xudiciais emprendidas por empresas funerarias. Xa anteriormente, os xulgados rexeitaron a paralización da suspensión cautelar, e mesmo rexeitaron unha querela contra o propio concelleiro de Urbanismo. Desta volta, o Xulgado ratifica o proceder municipal na denegación da licenza, por silencio administrativo, para a instalación e posta en marcha dun crematorio no barrio da Parda. Louro subliña que toda a actuación municipal neste asunto seguiu o criterio dos técnicos municipais, respectando sempre a lexislación sectorial, a xurisprudencia aplicable e a defensa dos intereses xerais.

A día de hoxe, lembra o responsable municipal, a tramitación para a modificación da normativa do Plan Xeral está rematada. O expediente está a piques de ser enviado á Xunta de Galicia, que disporá dun prazo de tres meses para decidir se aproba definitivamente a normativa municipal sobre crematorios.

Deja un comentario