+034 986 09 02 04 Luns 20 de Novembro de 2017

Cores Tourís comprobou o inicio das obras de mellora do firme na estrada entre Pontevedra e Vilagarcía (po-531)


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou a importancia destes traballos, comprometidos recentemente pola titular da Consellería de Infraestruturas, Ethel Vázquez

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou a posta en marcha das obras de reparación do firme da PO-531, estrada que une Pontevedra con Vilagarcía, acompañado do xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Luis Díez.

Durante esta visita destacou que estes traballos inícianse agora, aproveitando o bo tempo, e cumprindo así co compromiso expresado pola conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, que anunciou estas obras durante a visita que realizou a comezos deste mesmo mes ao concello de Barro, co galo da licitación do proxecto de execución da rotonda da polígono de Sequeiros na PO-531.

En relación as obras que comezaron hoxe nesta estrada, os traballos levaranse a cabo ao longo de 3,3 quilómetros, entre a rotonda de O Vao e o nó de bombeiros. Neste punto concreto executarase o fresado e a reposición daquelas zonas con maior nivel de fisuración. No concello de Barro melloraranse 1,32 quilómetros desta mesma estrada, extendéndose un microaglomerado para mellorar as características superficiais do firme, e no concello de Meis, actuarase ao longo de 5,51 quilómetros. Veranse así beneficiadas as parroquias de Campañó, Alba, Cevesa, Curro, San Lorenzo e Paradela.

En concreto, os traballos centraranse no fresado e reposición da capa de rodadura, a reposición da capa intermedia e o selado de gretas. Tamén se repoñerán marcas viarias e balizamentos. A previsión dos técnicos, dependendo sempre da meteoroloxía, é que os traballos poidan estar listos nun prazo de 15 días.

“O obxectivo é mellorar o firme desta estrada gañando en seguridade viaria, para o que se levarán a cabo actuacións sobre o firme e os marxes que permiten mellorar as súas características actuais”, explicou Cores Tourís, quen destacou o investimento global que se está a destinar a esta actuación, que suporá 280.000 euros.

O delegado territorial recordou que son varias as actuacións que están previstas para esta estrada. En concreto, o pasado 10 de xuño licitouse a execución da nova rotonda de acceso ao polígono de Sequeiros, “unha obra moi demandada xa que permitirá gañar en seguridade viaria neste punto da PO-531”. Estes traballos contarán cun investimento da Xunta de máis de medio millón de euros e se iniciarán no último trimestre do ano.

Os traballos centraranse na construción dunha glorieta na zona de acceso á infraestrutura industrial, co fin de evitar os xiros que se producen desde o carril central actual, permitindo todos os movementos con seguridade; e que implicará unha significativa redución da velocidade na estrada, unha das principais causas de accidentalidade neste punto, xa que que rexistra unha elevada intensidade de tráfico”.
Por outra banda, tamén se levará a cabo a rehabilitación do firme no acceso ao polígono e ao núcleo de Sequeiros; e habilitaranse paradas de autobús e beirarrúas na zona da rotonda; renovarase a drenaxe e acometeranse melloras na iluminación e na sinalización.
Así mesmo, o Goberno galego xa ten definida a seguinte fase desta actuación, unha nova acción en materia de seguridade viaria na zona da Devesa, no termo municipal de Pontevedra e da que, este verán, terá o seu proxecto redactado.

Vilanova de Arousa
Aos traballos da PO-531 hai que sumar os que tamén se realizarán co mesmo fin no próximo mes de setembro nas estradas que transitan por Vilanova: a PO-302, a PO-306, a PO-530 e a VG-4.3. Con este proxecto, o orzamento increméntase ata chegar ata os 620.000 euros.

Na PO-302 actuarase ao longo de toda a estrada. Nos primeiros 700 metros levarase a cabo o fresado e reposición das zonas que presentan un maior nivel de fisuración, e posteriormente, aplicarase microaglomerado ata o punto quilométrico 1+070. No final da travesía de Vilanova instalarase unha nova capa de rodadura en toda a sección.

Na PO-306 e na PO-530 fresaranse e reporanse aquelas zonas con maior nivel de fisuración ao longo de toda a lonxitude de ambas vías; e finalmente, na V.G.-4.3, fresarase e reporanse as zonas con maiores danos e extenderase unha nova capa de rodaxe en dúas glorietas. Beneficiaranse os concellos de Vilanova e Vilagarcía de Arousa, así como Cambados.

Deja un comentario