+034 986 09 02 04 Luns 22 de Outubro de 2018

Os preto de 700 veciños beneficiarios do depósito e a rede de abastecemento de O Castro en Guizán poden solicitar a conexión no Consorcio


As zonas ás que se dá servizo con estas instalacións son Alto de Barreiro en Torroso, Arrufana, Enxertado, Cortiñas e Eiragrande na parroquia de Louredo; e os núcleos de A Rúa, Zapateira, Cabaleiros e Sobrado na parroquia de Mos

O concelleiro de Saneamento e Abastecemento de Mos, Camilo Augusto, informou hoxe de que xa entrou en funcionamento o depósito de auga de O Castro na parroquia de Guizán, así coma a rede de abastecemento no mesmo lugar; polo que os veciños e veciñas de varias zonas das parroquias de Torroso, Louredo e Mos, que estean interesados, xa poden solicitar a conexión e formalizar a autorización do servizo.

O Consorcio de Augas do Louro remataba durante o pasado mes de setembro a revisión e posta en servizo do depósito de O Castro (Guizán), de 3.000 m3 de capacidade e que dá servizo á rede de abastecemento que percorre os núcleos de Alto de Barreiro na parroquia de Torroso, Arrufana, Enxertado, Cortiñas e Eiragrande na parroquia de Louredo e os núcleos de A Rúa, Zapateira, Cabaleiros e Sobrado na parroquia de Mos. Estas instalacións dan servizo a máis de 650 veciños que, como se dixo arriba, xa poden solicitar a execución da acometida á rede nas oficinas do Consorcio.

Este proxecto de abastecemento conta aproximadamente con 7 kilómetros de tubería de auga instalados, que abarcan as parroquias de Torroso, Mos e Louredo. E na parroquia de Guizán, concretamente en O Castro (Santiaguiño), atópase instalado o depósito proxectado para surtir de auga a toda esta rede de abastecemento de 7.000 metros de lonxitude.

Os labores de posta en marcha do depósito ubicado en Guizán realizados polo Consorcio de Augas do Louro consistiron na optimización das bombas existentes no mesmo, que requerían dunha nova acometida eléctrica e revisión; limpeza, desinfección e posta en marcha de tódolos mecanismos no depósito de abastecemento e revisión e mantemento de toda a rede de abastecemento nos diferentes tramos dos seus 7 kilómetros de lonxitude.

Neste sentido o edil mosense de Abastecemento aproveita para anunciar que, unha vez rematada a revisión e posta en funcionamento do depósito e rede de abastecemento por parte do Consorcio de Augas do Louro, os habitantes dos núcleos de Alto de Barreiro en Torroso, Arrufana, Enxertado, Cortiñas, e Eiragrande, na parroquia de Louredo e os veciños dos núcleos de A Rúa, Zapateira, Cabaleiros e Sobrado na parroquia de Mos, poden solicitar a conexión á rede de abastecemento e posteriormente formalizar a autorización de servizo do Consorcio de Augas do Louro acudindo á oficina de atención ao público mosense que o Consorcio ten, sita na Rúa Autovía nº 84.

Por último, Augusto declarouse “satisfeito de que esta rede de abastecemento que dá servizo a unha gran superficie das parroquias de Torroso, Mos e Louredo sexa xa unha realidade que está en marcha e da que os veciños e veciñas se poden beneficiar tras solicitar a conexión na oficina do Consorcio”, dixo o concelleiro. “Xunto co saneamento, o abastecemento de auga potable é un servizo básico prioritario para este Concello. E deste xeito o equipo de goberno mosense continúa a demostrar a súa aposta polos servizos básicos municipais” insistiu o edil.

Camilo Augusto concluiu celebrando este novo compromiso cumprido en materia de abastecemento, gracias ó cal se dota de servizo de traída de augas a nove barrios de tres parroquias mosenses, logrando beneficiar a preto de 700 veciños e veciñas e ampliando sensiblemente a rede mosense de instalación de abastecemento.

Deja un comentario