+034 986 09 02 04 Martes 22 de Setembro de 2020

O Caldelas Tapas bota a andar na noite de hoxe, con 13 propostas tentadoras e para todos os padais


O certame gastronómico involucra este ano á práctica totalidade da hostalería local e chega con creacións sofisticadas e moi saborosas

As noites de venres deste mes de xullo son unha oportunidade magnífica para visitar Ponte Caldelas. Así, hoxe, día 1, bota a andar a segunda edición de Caldelas Tapas, o concurso gastronómico no que é posible probar platos moi elaborados a un prezo de só 2,50 euros con bebida incluída.
O Caldelas Tapas, organizado dende o Concello, pasou este ano de 9 a 13 locais. A razón do crecemento está no éxito da primeira edición, cando se superaron todas as previsións, e nas boas expectativas para os cinco venres de xullo. O certame adiántase un mes porque agosto conta xa cunha programación municipal moi intensa.
A hostalería local elaborou propostas culinarias realmente atractivas, como quedou demostrado na recente presentación do concurso na Casa do Concello. A aposta pola calidade é evidente nun elenco de tapas nas que hai pratos de carne, peixe e verduras, cunha variedade que abrangue todos os gustos. O horario para gozar destas propostas na noite dos venres é de 20 a 0 horas.
A dinámica do concurso mantense. Os consumidores votarán cada unha das tapas outorgándolle entre 1 e 5 puntos. A que obteña unha maior puntuación acumulada acreditará ao local gañador desta segunda edición do Caldelas Tapas. O público terá a oportunidade de gañar un vale de compra por valor de 100 euros no comercio local. A recompensa será sorteada entre todos os que teñan conseguido o reto de selar a cartilla do Caldelas Tapas nos 13 locais participantes, para o que haberá que programar adecuadamente as noites de venres en Caldelas.
Os cartel anunciador do certame, así como a cartilla de selado, inclúen fotografías a cor das tapas para que o público poda axustar a ruta aos seus gustos. A relación de propostas e locais é a seguinte:
O bar Puente ofrece “Tostada de ceviche de langostino”; Verdugolandia, “Rolo de carne silvestre”; o Parada, “Raxo con piña”; Aries, “Tosta de langostino sobre rulo tépedo”; O Greco, “Grecohamburteja picante”; Casa Fidel, “Minicaldeburger”; O Recanto, “Cuscús traidor”; Pecas, “Nube de pataca con tropezón de tenreira”, O Castilla, “Entre brasas”; Acuña, “Dentada mediterránea”; A Fonte, “Delicias de mar dentro”; Alameda, “Capricho de mar e terra” e, finalmente, Casa 501 servirá “A beira do río”.

Deja un comentario