+034 986 09 02 04 Domingo 09 de Agosto de 2020

Sanidade confirma que os veciños de Cotobade manterán o PAC da Parda como centro de referencia tras a fusión


 

Cubela sinala que todas as consellerías están a garantir que os servizos dos cotobadeses manterán os seus centros de referencia

A Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés do Servizo Galego de Saúde (Sergas) acaba de remitir unha carta ao Concello de Cotobade na que resposta ás cuestións plantexadas polo goberno local sobre as prestacións sanitarias con motivo do proceso de fusión aberto con Cerdedo. No documento se explica que os veciños de Cotobade manterán o Punto de Atención Continuada (PAC) da Parda, en Pontevedra, como centro de referencia tras a unión en caso de que esta chegue a bo porto. Asimesmo, se indica que os servizos de urxencias manteranse exactamente igual que ata a data e o Centro Hospitalario de Pontevedra (CHOP) de Montecelo seguirá a ser o de referencia para a poboación cotobadesa.

“En resposta ao seu escrito comunícolle que, dende o punto de vista sanitario, non vai cambiar a situación dos pacientes que precisen atención hospitalaria urxente, hospitalaria ou dos PAC, manténdose as mesmas referencias que no momento actual”, explica a resposta do organismo da Consellería de Sanidade.

Deste xeito, os veciños de Cotobade seguirán a ter todos os seus servizos sanitarios no propio municipio ou en Pontevedra, mentres que os de Cerdedo manteranse adscritos ao seu PAC, que atende á bisbarra de Terra de Montes. Nembargantes, a intención do Concello de Cotobade é a de que, aqueles veciños que queiran, ben por proximidade ou por interese persoal, poidan optar polas dúas opcións, Pontevedra e Cerdedo, xa que deste xeito ampliarase a oferta de servizos.

Ante esta resposta, o alcalde cotobadés, Jorge Cubela, amosou a súa satisfacción por esta resolución e as anteriores dos departamentos autonómicos, “xa que demostran que os servizos públicos vanse potenciar”, e lembrou que todas as consellerías están a confirmar que os servizos que reciben os cotobadeses van manter os seus centros de referencia.

Deja un comentario