+034 986 09 02 04 Luns 06 de Xullo de 2020

César Mosquera: “as obras aprobadas nos últimos dous anos de louzán foron adxudicadas con grandes deficiencias”


O presidente en funcións sinalou que todos os proxectos de Vías e Obras carecen ou de informes ambientais, de Patrimonio, da Confederación Hidrográfica ou das cesións de terreos

“A última obra que se fixo na Deputación con todos os permisos en orde dentro da etapa Louzán foi a ponte de Monte Porreiro”. Así de drástico foi hoxe o presidente en funcións da Deputación, César Mosquera, quen sinalou que nos dous últimos anos de goberno do anterior mandatario todos os contratos do departamento de Vías e Obras foron adxudicados con grandes deficiencias, xa que carecen de informes ambientais, de Patrimonio ou da Confederación Hidrográfica, así como das cesións de terreos necesarias para executalos.

Mosquera explicou que o novo goberno da Deputación está a traballar de modo “ímprobo” para poñer toda a documentación, os expedientes e a tramitación en orde, o que está a levar “máis tempo que facelo de novo”. “Todas as obras dos últimos dous anos, todas, teñen estas deficiencias. Antes había problemas con algunha, pero nos últimos dous anos todo foi moi caótico”, explicou o nacionalista, que sinalou que o motivo desta situación está na premura do anterior presidente por “tirar para adiante” cun reducido número de enxeñeiros “que non daban feito”: “O presidente dicía ‘a facer’, e tiraban para adiante como ben podían, pero ao final sae o rabo”, sentenciou.

Todas estas reflexións de Mosquera foron tiradas despois da Xunta de Goberno provincial, onde se abordou un exemplo dos problemas que está a atopar o novo departamento de Mobilidade: a do proxecto da ponte do río Deva en A Cañiza. O presidente en funcións explicou que o contrato de execución da ponte asinárase en marzo do 2014 (cun orzamento de 434.502 euros) e a obra xa tiña que estar feita. “Nin máis nin menos que se adxudicou o contrato sen informe e sen comunicación á Confederación Hidrográfica, que parou as obras… E inda se portou ben, xa que o único cambio que pide é que a ponte, en lugar de ter piares no medio, non os teña para deixar o paso libre á auga”, explicou Mosquera. Sinalou ademais que incluso a paralización da obra foi oportuna tecnicamente xa que os piares poderían atascar no caso de arrastres de troncos en momentos de enchentes.

Unha vez o novo departamento de Mobilidade solicitou informe á Confederación foi preciso redimensionar o proxecto da ponte coas obrigas impostas. Este modificado aprobouse en maio por 16.545 euros e no día de hoxe autorizouse o incremento do custe da obra cunha prórroga dun mes para executar.

Ronda leste, en varios meses
Mosquera non quedou no proxecto do río Deva para explicar as continuas irregularidades de tramitación e citou tamén a ronda leste de Pontevedra. Neste sentido, lembrou que o proxecto vén do ano 2013 e que, a pesares de telo advertido xa estando na oposición, non se tramitou o estudo de impacto ambiental, que está agora en fase de exposición pública. “Eu creo que esta obra afortunadamente non parece ter gran complicación, porque non afecta a ríos, xacementos arqueolóxicos ou zonas húmidas… Pero se agora hai que modificar o trazado nun metro resultará un follón porque obrigará a cambiar o contrato”, indicou o nacionalista, que agarda que o procedemento administrativo se peche en breve e en menos de tres meses as obras sexan unha realidade. “Dicían que non facía falta o informe, como non vai facer falta?”, cuestionouse.

O presidente insistiu en que casos como estes hai para toda a provincia. Lembrou, así, o caso dun proxecto de estrada en Moraña “que entuba un río sen permiso nin comunicación a Augas de Galicia, e que pasa polo lado dunha igrexa do século XII e dun pazo e non ten permiso de Patrimonio”. Asegurou, de feito, que ante irregularidades de tal calibre a actuación non se vai poder facer a pesar de estar adxudicada.

“Podería seguir co relatorio das desfeitas que sei, e seguro que se me escapa algunha que non sei. Afortunadamente as empresas adxudicatarias non están solicitando compensacións polos retrasos e vanse sacando adiante as cousas, pero esta situación está a crear problemas de xestión bastante graves”, insistiu, para explicar que se dan casos tan paradóxicos como o de obras adxudicadas “das que se di que os terreos están a disposición e no mesmo expediente aparecen os propietarios dicindo que os terreos nin están a disposición nin queren a obra”.

Deja un comentario