+034 986 09 02 04 Domingo 18 de Agosto de 2019

O Concello de Ponte Caldelas incluirá A Calzada na rede galega de praias sen fume


A Xunta de Goberno Local deu o visto bo á proposta do alcalde para recomendar que non se consuma tabaco no emblemático espazo

A praia fluvial da Calzada porá couto ao fume de tabaco e á suciedade das cabichas. A Xunta de Goberno Local tomou hoxe en consideración a proposta formulada polo alcalde, Andrés Díaz Sobral, para comunicar á Consellería de Sanidade a intención do Concello de adherirse á rede galega de praias sen fume.

Andrés Díaz recalcou que a entidade municipal limitarase a informar, coa colocación de carteis nas inmediacións do areal, e non imporá ningún tipo de sanción. Ademais, instalará un cinceiro para que os fumadores non accedan ao espazo cos cigarrillos acendidos. “Será unha recomendación educativa e a prol da saúde,  non só porque estamos nun espazo de valor natural no que hai que manter hábitos saudables e sostibles, senón porque A Calzada é un lugar que está cheo de nenos e rapaces”, explicou. Os concelleiros dos tres grupos municipais que compoñen o Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BGN) coincidiron en que debe subliñarse que se trata dunha recomendación que vai na liña do respecto ao entorno natural e de concienciación social.

A rede galega  de praias sen fume iniciouse en 2012 cunha iniciativa do Concello de Baiona. Este ano foi asumida pola Consellería de Sanidade e son varios os municipios que están a inscribir os seus areais. Na provincia de Pontevedra xa hai once praias adheridas, polo que a da Calzada será a duodécima. Ponte Caldelas será, ademais, o sexto municipio pontevedrés en entrar na campaña.

A Xunta de Goberno Local tomou moi en consideración que a Asociación pola Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), entidade que xestiona a concesión das  bandeiras azuis, está a considerar incluír a prohibición de fumes de tabaco como un dos requisitos para a renovación destas insignias medioambientais. Non en van as cabichas son residuos escasamente biodegradables posto que tardan 10 anos en desaparecer e conteñen sustancias tóxicas como a nicotina ou o alquitrán.

A praia da Calzada é a única de interior que conta con este distintivo en toda España. Ademais, o Concello de Ponte Caldelas está a realizar unha actuación complementaria para dotala dun sendeiro azul, igualmente  validado pola ADEAC, que consistirá nunha ruta circular de máis de 8 Km polas beiras do río Verduxo.

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local acordou hoxe conceder licenza para as obras de restauración do tellado da igrexa de Santa Comba de Rebordelo. A actuación, solicitada polo Arcebispado de Santiago, ten un orzamento de 14.084 euros e consistirá na substitución das tellas e o seu baseamento.

Deja un comentario