+034 986 09 02 04 Venres 24 de Novembro de 2017

Cultura inviste 185.000 euros en diversas actuacións de mellora do Parque Rupestre de Campo Lameiro


O conselleiro Román Rodríguez visitou este complexo arqueolóxico, onde están a piques de rematar os traballos de consolidación dos camiños e mellora do edificio

A Consellería de Cultura e Educación está a investir un total de 185.000 euros en varias actuacións de mellora do Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro, co fin conservar e poñer en valor un dos máis destacados conxuntos deste tipo ao aire libre de Europa.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, fixo esta mañá un percorrido polo complexo, para comprobar in situ a marcha dos traballos, nunha visita onde estivo acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; da directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua; do director do PAAR, José Manuel Rey; e do alcalde de Campo Lameiro, Julio G. Sayáns.

Consolidación de camiños e sendeiros
A día de hoxe estanse executando os labores de consolidación dos camiños que conducen aos conxuntos petróglifos, así como as reparacións do edifico do Parque;, unha actuación que acada os 100.600 euros de investimento e cuxos traballos están moi avanzados, polo que se prevé que queden concluídos no prazo aproximado de un mes.

Os desperfectos que agora se están arranxando foron ocasionados polas adversas condicións meteorolóxicas dos últimos invernos, polo que foi preciso acondicionar tramos dos sendeiros deteriorados e corrixir as humidades en determinados puntos do edificio. Ao mesmo tempo, tamén se aproveita para colocar unhas varandas nas escaleiras interiores do edificio co fin de mellorar a accesibilidade e a seguridade ao mesmo.

Reparación poboado da Idade do Bronce e iluminación de petróglifos
Doutra banda, nas próximas semanas está previsto iniciar a reparación da recreación do poboado da Idade do Bronce no Parque. Trátase duns traballos nos que se investirán 32.700 euros e que teñen como finalidade reparar os teitos de tres cabanas e dous cabazos, o pallabarro das cabanas e o peche de madeira perimetral.

Cómpre salientar que, para a recreación do poboado, empregáronse os mesmos materiais efémeros utilizados nas construcións orixinais (madeira, palla, barro e xesta), polo que a súa durabilidade é limitada e, transcorridos xa máis de cinco anos desde a súa construción, é preciso reparalos para que poidan seguir cumprindo a súa función dentro das instalacións do Parque.

Tamén dentro da recreación do poboado, e co fin de completar o discurso expositivo do PAAR, en breve se prevé iniciar a reconstrución de dúas cistas (enterramentos individuais) localizadas nos xacementos arqueolóxicos de Vilamerelle (Palas de Rei) e Guidoiro Areoso (na Illa de Arousa). Esta obra –cun importe de 8.600 euros- inclúe a realización de sondaxes arqueolóxicas previas, a consolidación das cistas e a instalación de paneis informativos.

Así mesmo, ao longo deste mes de xullo procederase á iluminación led de tres petróglifos situados no interior do Parque, cun investimento de 21.150 euros. Deste xeito mellórase e facilítase unha das actividades máis atractivas para os cidadáns, como son as visitas nocturnas.

Petróglifo Coto da Chan
De xeito paralelo ás obras no poboado, a Consellería iniciará os traballos de escavación arqueolóxica, limpeza, documentación, protección e sinalización do petróglifo de Coto da Chan da Isca 5, para o que se destinan 8.000 euros.

A actuación cínguese ao novo petróglifo descuberto nas inmediacións do límite norte do Parque, pero fora do seu ámbito; e está orientada a ordenar a cuberta vexetal da área, a escavación do seu contorno máis inmediato, a documentación e rexistro das figuras e a posta en valor a través dun peche perimetral e información divulgativa.

A todas estas obras veñen a sumarse tamén a iluminación da sala de exposicións temporais do complexo que xa está rematada e na que se investiron 7.700 euros; así como a posta en marcha de accións didácticas e divulgativas que supoñen un investimento de 6.000 euros.

Todos estes traballos reflicten o compromiso da Xunta coa cultura e co patrimonio e, sobre todo, coa súa posta á disposición do conxunto da sociedade. De feito, o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro botou a andar en xullo de 2011 como un modelo integrado de xestión baseado no equilibrio entre conservación, investigación e difusión dos petróglifos de Galicia.

Deja un comentario