+034 986 09 02 04 Domingo 23 de Setembro de 2018

Ponte Caldelas acolle a I Festa Gastronómica da Emigración


Un total de 20 casetas ocuparán a Alameda para ofrecer pratos típicos dunha ducia de nacionalidades a un prezo único de 5 euros

Unha viaxe pola gastronomía de 10 países moi relacionados coa emigración galega sen moverse de Ponte Caldelas. Esta é a proposta do Concello da capital do Verduxo. Durante o sábado, 9 e o domingo, día 10 deste mes de xullo, o municipio celebra I Festa Gastronómica da Emigración de Galicia, un evento totalmente novidoso que ven cubrir un oco baleiro no calendario festivo da nosa comunidade.
O alcalde, Andrés Díaz, afirma que a intención é aproveitar o potencial de Ponte Caldelas como muncipio vencellado historicamente a emigración, o que se traduce na presenza de moitos veciños retornados de diversos países, e moi especialmente de Europa e Suramérica. Unha rica herdanza social e cultural que mesmo se manifesta na hostalería local, na que hai un clarisimo acento chegado de máis alá do Atlántico ou dos Pirineos.
A Festa consistirá na instalación de 20 casetas ao longo da Alameda, dotadas de auga e subministro eléctrico gratuíto. Cada hostaleiro preparará un prato representativo da gastronomía dunha nacionalidade relacionada coa galeguidade. O espazo central estará ocupado polas mesas para gozar de todas as especialidades a un prezo único de 5 euros, incluída unha bebida básica.
O Goberno local apostou pola presenza dos empresarios caldeláns e, despois dunha xuntanza co sector, obtivo unha resposta importante, posto que 10 dos stands estarán ocupados por eles. Así, a relación de participantes está integrada polos bares e restaurantes A Ponte, Pulpeiro, A Fonte, Acuña, Parada, Mexicano, O Recanto, Verdugolandia, O Greco e Casa 501. A eles súmase o propio Concello cun stand dedicado á troita e o Mesón Porteliña, de Poio. Ofreceranse tamén empanadas e postres a cargo das panaderías caldeláns. A listaxe está crecendo día a día e haberá sorpresas de aquí á fin de semana.
O público asistente poderá gozar de pratos típicos das gastronomías galega, española (con presenza andaluza), alemá, arxentina, italiana, mexicana, chilena, ecuatoriana, uruguaya, francesa e brasileira, pero tamén ofrecerán outras opcións para os que se animen a probar con novas elaboracións.
A Festa Gastronómica da Emigración pretende ser un evento familiar para pasar o día en Ponte Caldelas. E por iso inclúe unha completa oferta de lecer para nenos e maiores. Así, o sábado contará coa animación da banda de música galega Nós tamén imos. Ás 20 horas, un espectáculo de batucada e ás 21.30 horas será o momento de gozar coa actuación do mariachi de Leonardo Flores.
O domingo inclúe ás 13.30 horas a actuación da banda de gaitas de Vega de Espinareda (Ponferrada). Ás 18.30 horas chegará a banda de música galega e folk Os Coribantes, recén chegados de Francia onde participaron no Festival dos Países Celtas. Durante toda a xornada o recinto contará coa animación da charanga Airiños da Fracha.
O domingo será o día dos rapaces. A Festa Gastronómica da Emigración contará cun aliciente irresistible, pois colocará inchables xigantes e que estarán dispoñibles en xornada de mañá e tarde de xeito totalmente gratuíto.
Finalmente, o Concello preparou unha feira de artesanía nas inmediacións da Alameda para que as persoas interesadas podan adquirir algún recordo ou agasallo nestas dúas xornadas festivas nas que a comida, a música e o bo ambiente serán os protagonistas absolutos.

Deja un comentario