+034 986 09 02 04 Venres 13 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A Deputación insta á Xunta á involucrarse e financiar a actividade da Estación Fitopatolóxica de Areeiro


Carmela Silva trasladará a Núñez Feijóo a necesidade de “poñer en valor sinerxias”

A Deputación de Pontevedra pedirá á Xunta que se involucre e financie a actividade da Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da institución provincial pero que presta servizos a administracións e entidades de toda Galiza. Así o manifestaron hoxe a presidenta Carmela Silva e a deputada delegada do centro, Eva Vilaverde, logo de realizar unha visita aos laboratorios e terreos situados en Lourizán.

A presidenta mostrou o seu “orgullo” por ter unha Estación Fitopatolóxica “deste gran nivel, recoñecido a escala mundial”. Lembrou que dende a Deputación “é un servizo que coidamos con especial cariño e atención porque se adica a cuestións que son o futuro como a investigación e unha maior eficacia e eficiencia tanto no uso do solo como na loita contra as pragas”. Sinalou que é “fundamental” debatir o seu funcionamento co Goberno galego: “A EFA mantense con fondos da Deputación de Pontevedra e sen embargo presta servizos ao conxunto de Galiza”, dixo, para engadir que na reunión pendente con Núñez Feijoo plantexará a necesidade de que as dúas administración “poñan en valor sinerxias” para tirar máis rendemento do traballo feito.

Pola súa banda, a deputada Eva Vilaverde, sinalou que “a Estación Fitopatolóxica de Areeiro está a cumplir un servizo necesario para traballadoras e traballadores do campo galego que o Goberno da Xunta é incapaz de prestar por si mesmo”. Lembrou o traballo que se realiza de análise de solos, de pragas e cultivos para todo o sector primario das catro provincias galegas -e incluso do exterior-, e sinalou que se trata dunha área competencia da Xunta de Galiza. Neste sentido, incidiu en que a día de hoxe os custes de mantemento do centro, a pesares de dar servizo a todo o país, “saen das transferencias que recibe a Deputación de Pontevedra para os pontevedreses”. “En calquera caso –dixo-, dende o Goberno provincial seguirase a traballar para mellorar a súa xestión e proporcionar un servizo de calidade a todos os agricultores e administracións que o precisen. O noso obxectivo é ofrecer un traballo rigoroso para seguir medrando como centro de referencia”.
Na visita de hoxe, a presidenta e a deputada delegada destacaron as técnicas de traballo e investigación que se desenvolven as diferentes seccións e laboratorios da Estación Fitopatolóxica de Areeiro: Fitopatoloxía, Bioloxía Molecular, Fruticultura e Ornamentais, Edafoloxía e Artrópodos.

Dentro da sección de Fitopatoloxía, os técnicos lembraron, entre outras cousas, como realizan o procesamento das mostras para a análise e diagnose de organismos de corentena (virus, nematodos, bacterias, fungos…) e outros patóxenos da comunidade galega. Así mesmo, na sección de Bioloxía Molecular a presidenta coñeceu as técnicas que se aplican para a identificación de organismos, cuxos diagnósticos resultan complicados ou dubidosos para outras técnicas.

Na sección de Fruticultura e Ornamentais visitaron as diversas plantacións da finca, entre as que destacan as de kiwi, as camelias cultivadas para a produción de aceite, así como a plantación de Camellia sinensis da que se obtén o té. Ademais, estiveron nas instalacións de biotecnoloxía vexetal, onde se realiza o cultivo in vitro e a análise molecular dos cultivares de camelia. Tamén visitaron o laboratorio onde se realiza o aceite de camelia e recibiron explicacións sobre todo o procedemento de extracción, así como das características organolépticas do produto.

Na sección de Solos tiveron a oportunidade de ver o laboratorio de Edafoloxía, no que se realizan as análises químicas de fertilidade dos solos agrícolas, así como as análises foliares. Finalmente visitaron o laboratorio de Artrópodos onde se realiza a diagnose dos insectos e ácaros, e dos seus danos, así como prospeccións destinadas á detección de artrópodos relevantes, entre outras moitas tarefas. A deputada Eva Vilaverde sinalou a importancia dos avisos fitopatolóxicos que a EFA realiza semanalmente con consellos tanto para agricultores profesionais como para que veciños e veciñas da provincia poidan coidar os seus cultivos.

Deja un comentario