+034 986 09 02 04 Xoves 04 de Xuño de 2020

O Concello de Ponte Caldelas habilita dous teléfonos 24×365 para acabar coa campaña de sabotaxes na iluminación pública


Andrés Díaz recibe ofrecementos de veciños para colaborar na vixiancia e no intento de identificar ao autor ou autores

Os veciños de Ponte Caldelas disporán de dous teléfonos de atención permanente para dar conta de calquera avaría ou incidencia na rede de iluminación pública. Os teléfonos son o 727 74 36 59 e o 646 62 15 21 e funcionarán ás 24 horas do día durante os 365 días do ano. Con esta medida, o Goberno local que lidera Andrés Díaz pretende acabar de raíz coa campaña de sabotaxes que se vén producindo dende que en xuño de 2015 cambiara a cor política na institución municipal.
A medida entrará en funcionamento o próximo luns e vai supoñer unha mellora sustancial na calidade do servizo, toda vez que poderá darse aviso durante as noites e fins de semana, períodos nos que se veñen producindo a maior parte das manipulacións intencionadas dos cadros eléctricos que dan lugar aos apagóns nos núcleos rurais de Ponte Caldelas.
A Xunta de Goberno local, na que están presentes os grupos municipais do PSdeG-PSOE, AVP e BNG, valorou como moi necesaria a posta en marcha deste soporte telefónico 24×365. Deste xeito compleméntase a xa anunciada colocación de peches con candado nos 59 cadros eléctricos que alimentan a rede municipal. Confía en que coas dúas medidas, xunto coa colaboración veciñal, a campaña chegue ao seu fin.
O alcalde comentou que este pasado sábado volveuse producir un incidente no cadro que abastece os lugares de Parada e Taboadelo. Cando a empresa de mantemento se personou comprobou que se trataba dunha baixada manual e deliberada dos térmicos, é dicir, o mesmo tipo de incidente malintencionado que se vén producindo dende hai un ano.
Andrés Díaz agradeceu a solidariedade veciñal, pois está a recibir moitas chamadas de veciños que se ofrecen a estar atentos ás inmediacións dos cadros. Tamén está a recibir comentarios sobre a posible autoría da campaña, pero o alcalde insiste en que cómpre ser moi prudente ata que haxa probas contra algunha persoa concreta.
“Está claro que non pode ser calquera, porque sabe onde están os cadros e como manipulalos; e tamén sabemos que é unha campaña orquestrada, porque ao mesmo tempo hai quen vai espallando rumores falsos sobre unha suposta política de aforro enerxético relacionada con estes apagóns”, afirma o rexedor caldelán. “Os veciños deben estar tranquilos porque o Goberno local non queda parado e toma decisións e porque esixiremos responsabilidades se collemos a quen está detrás disto”, concluíu.

Deja un comentario