+034 986 09 02 04 Luns 18 de Decembro de 2017

Meis prepárase para celebrar a 26ª edición da Festa dos Callos


O dúo humorístico As Lerchas abre na noite de mañá xoves unha programación moi completa

O auditorio do Centro Multiusos de Mosteiro acollerá mañá, xoves, a partir das 21.30 horas, o pistoletazo de saída da 26ª edición da Festa dos Callos de Meis. O dúo humorístico As Lerchas, composto polas estradenses Sally Torres e Mari Rivadulla, será o encargado dar comezo a unha celebración na que se agarda a presenza dunhas 6.000 persoas este próximo domingo, día 10.
A Festa dos Callos, encadrada dentro da programación de San Bieito e San Cristovo, vense celebrando dende hai xa máis dun cuarto de século cun constante crecemento. O alcalde de Meis, José Luis Pérez, coordina estes días os últimos detalles para que todo estea preparado e todo saia á perfección. Unha gran carpa cubrirá a Alameda e alí estarán as mesas nas que se poderá gozar dos tradicionais callos de Meis.
Os tiques individuais teñen un prezo de 6 euros e inclúen unha xenerosa ración e a cazola onde se serven, pan, bebida (auga ou viño) e a taza de barro. A organización asigna tamén mesas para 14 comensais ao prezo de 120 euros, pero cómpre reservar o espazo ata o día antes nos teléfonos 696 527 622 e 625 675 581. E non queda aí a oferta, porque tamén é posible levar a ración de callos para gozar na casa de cada quen, a un prezo de 5 euros.
A festa estará amenizada polo trío Azabache e inclúe un festival folclórico a partir das 19.00 horas e un concerto de bandas de música a partir das 20.30 horas. Ás 22.00 horas dá comezo a verbena no campo da feira.
Se se quere facer algo de deporte antes de comer, a inscrición para a ruta de BTT está aberta ata o próximo xoves, día 7, no sitio web do Concello www.meis.es. A actividade é gratuíta e consiste nun circuíto longo duns 38 Km e outro, un pouco máis asequible, de 32 Km. A saída é as 9.30 horas dende o campo da feira. Os ciclistas contarán cun aperitivo de callos á chegada para repoñer forzas.
O Concello de Meis reforzou este ano o operativo, despois de que o ano pasado se esgotaran as existencias diante da gran afluencia. Para elo, os cociñeiros van dispoñer de máis de 600 quilos de garbanzos, 300 de tenreira galega e 250 quilos de porco, ademais de panceta e chourizo, entre outros ingredientes.

Deja un comentario