+034 986 09 02 04 Luns 22 de Outubro de 2018

O Concello de Ponteareas cambia o tratamento de restos de poda para o seu uso en compostaxe


Valoriza 316 metros cúbicos que foron triturados
O Concello contou coa colaboración de Ecocelta onde se depositaron 79 cargas de ramallos e restos vexetais dos parques municipais
O Concello de Ponteareas ven de triturar un total de 316 metros cúbicos de restos de podas dos parques e xardíns municipais, cambiando radicalmente o tratamento dado polo anterior goberno a estes materiais, “engadimos valor a algo que o goberno do PP convertía nun problema ambiental ao acumular toneladas de refugallos nunha finca municipal da Freixa para a súa queima posterior”, manifestou o alcalde, e responsábel de Medio Ambiente, Xosé Represas. Os restos vexetais, unha vez triturados poden utilizarse para mesturalos con restos orgánicos coma estruturante para producir un abono de calidade. Este abono contén materia orgánica e os nutrientes necesarios para a vida das plantas e proporciona á terra na que se deposita os mesmos efectos que o humus para unha terra natural.
Deste xeito, o actual Goberno local, acabou cun enorme vertedoiro incontrolado que tiña un impacto ecolóxico negativo. O que para o Goberno anterior era un problema agora é revalorizado como unha alternativa respectuosa co medio ambiente, xa que non se queiman e tamén se evita que acaben no sistema de recollida de lixo e tratamento en Sogama, co correspondente aforro que supón.
Esta transformación foi posible grazas a colaboración da empresa Ecocelta, que facilitou o almacenaxe nas súas instalacións dos restos de podas nestes meses dende novembro, co apoio da Deputación Provincial que facilitou unha trituradora para a transformación destes restos.

Deja un comentario