+034 986 09 02 04 Xoves 22 de Febreiro de 2018

Veciños e veciñas de Mondariz xa poden utilizar a instalacións da piscina municipal


Dende o pasado día 1 de xullo e ata o 31 de agosto, veciños e veciñas de Mondariz poden gozar das instalacións da Piscina Municipal que, este ano, baixa o custe de entrada de cara a que, o prezo, non sexa impedimento para que se poida gozar utilizar esta instalación.

A piscina permanece aberta en horario de 14 h a 21 h de luns a venres, mentres que sábados, domingos e festivos, de cara a un maior aproveitamento, adiántase o horario de apertura ata as 11 h, quedando invariable o de peche ás 21 h.

Os nenos e nenas con idades comprendidas entre 0 e 3 anos, terán entrada totalmente de balde; de 4 a 15 anos o prezo da entrada individual será de tan só 1 euro e, de 16 anos en adiante, de 1,5 euros.

A estes prezos, case que simbólicos, engádese a posibilidade de adquirir bonos de baño, que resultan máis económicos. O bono de 20 entradas para nenos e nenas de 4 a 15 anos será de 17 euros, e os de 16 anos en adiante, de 24 euros.

Actividades
Pero ademais da utilización diaria da piscina, esta instalación ofrece dúas actividades ben interesantes. Dunha banda, pon en marcha un cursiño de natación para nenos e adultos, impartidos por Nuria Mutilba que se desenvolverá durante luns, mércores e venres dos meses de xullo e agosto a partir das 11 horas. O prezo será de 24 euros mensuais para adultos e 19 euros mensuais para nenos e nenas. Ambolos dous casos teñen un prezo de matrícula de 5 euros. Para inscricións ou mais información, interesados e interesadas poden dirixirse ao mail nuriamutilba@gmail.com ou aos teléfonos 615 014 758 e 986 664 306.

A segunda actividade está dirixida, exclusivamente, a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 7 e 13 anos. Trátase dunha iniciativa de Xogos Acuáticos, impartidos por Jonás Rodríguez, que terán lugar na piscina municipal todos os martes e xoves, en horario de 12 h a 12:45 horas. O prezo será de 19 euros mensuais e os participantes deberán posuír un dominio mínimo do medio acuático. As inscricións pódense realizar na Oficina Municipal de Información Xuvenil do Concello de Mondariz, ou no teléfono 986 664 306 de luns a venres de 9 h a 14 horas

Cómpre salientar que a seguridade na piscina municipal de Mondariz quedará garantida pola presenza de dous socorristas titulados, grazas as xestións realizadas polo Goberno local de AporM-PSOE diante da Xunta de Galicia. Froito desas xestións, os socorristas, que traballarán os dous meses de verán, chegan a Mondariz a través dunha subvención de Cooperación da Xunta de Galicia, co que non suporán gasto algún para as arcas municipais.

A intención do Goberno local de AporM-PSOE, va máis aló de poñer a piscina en perfectas condicións para usuarios e usuarias e a prezos máis que alcanzables para todas as economías, senón que busca un mellor aproveitamento da instalación a través de actividades, como os cursiños de natación e os xogos acuáticos.

Deja un comentario