+034 986 09 02 04 Venres 18 de Setembro de 2020

Porriño aposta pola educación para previr a violencia de xénero


Con motivo do Día Internacional de Eliminación da Violencia contra a Muller, Concello de Porriño, a través da concellaría de Benestar Social e Igualdade que dirixe Teresa Veloso, impulsa as II Xornadas contra a Violencia de Xénero, coa programación de diferentes actividades de sensibilización e prevención, co fin de contribuír na loita contra a violencia de xénero

O 25 de novembro celébrase, como cada ano, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. O Concello de Porriño, a través da concellaría de Benestar Social e Igualdade que dirixe Teresa Veloso, únese á esta reivindicación coa programación de diferentes actividades de sensibilización e prevención, co fin de contribuír na loita contra a violencia de xénero.

Sensibilizar os mozos nos valores de respecto, tolerancia e igualdade é clave para conseguir erradicar esta eiva que afecta a todos os sectores da nosa sociedade. Con tal motivo, ao longo de toda a semana se veñen desenvolvendo diversas actividades no ámbito educativo a cargo dos alumnos do curso de Animación Sociocultural do Obradoiro Porremprego II. Os alumnos de diferentes centros escolares do noso municipio participaron en actividades dinámicas e de expresión plástica dirixiron a romper os estereotipos e roles establecidos, e traballando, a través da creación de murais, cómics, contos, lazos e outras expresións artísticas, a igualdade de trato cara á muller.
Todos os traballos que se realicen nestes talleres se recollerán posteriormente nunha exposición que estará aberta ao público dende o 25 de novembro ata o 1 de decembro no Centro Cultural Municipal.

Continuando nesta linea de traballo, a programación impulsada dende o Concello inclúe, na mañá do venres 21 de novembro, unha charla-coloquio que abordará a violencia de xénero a través das redes sociais e as plataformas que ofrecen as novas tecnoloxías, dirixida por profesionais do campo da psicoloxía, onde participarán alumnos de varios centros educativos.

E é que é nas franxas de idade máis novas onde se percibe un repunte dos casos de violencia de xénero, «circunstancias deste tipo en redes sociais son cada vez máis frecuentes polo que, dende os Servizos Sociais do Concello de Porriño, consideramos esencial dotar os nosos mozos da información e as ferramentas necesarias para poder facer fronte a estas situacións», manifestou o alcalde,Nelson Santos, «é fundamental que saiban que o mal uso das diferentes tecnoloxías pode levar consigo en ocasións delitos que recolle o Código Penal, as redes sociais son unha gran ferramenta, pero debemos advertir aos nosos mozos, que son os que máis a utilizan e os que máis desprotexidos están, dos riscos que estas poden entrañar e ensinalos a facer un uso responsable deste recurso. »

Xa pola tarde a xornada continuará, aberta xa ao público, no Centro Cultural Municipal. A partir das 17:00 horas desenvolveranse diferentes actividades para abordar o tema da violencia contra a muller dende diferentes perspectivas. En primeiro lugar celebrarase unha mesa coloquio que abordará o tema dende o punto de vista xurídico, psicolóxico e social e onde todo o que estea interesado pode participar e achegar o seu punto de vista, experiencia ou propostas. Ás 18:00 horas, a docente en materia de RR.HH e Comunicación, Sandra Mesías, disertará sobre este problema achegando a súa experiencia como Coach, e para finalizar as xornadas, ás 19:00 horas acompañaranos Javier Cebreiros, autor do libro «Ser feliz non implica ser idiota».
Comprometidos contra a violencia de xénero os 365 días do ano

Estas xornadas son só unha pequena mostra do intenso traballo que se leva a cabo todos os días do ano dende o Centro de Información á Muller de Porriño.

O alcalde, Nelson Santos, quere lanzar unha mensaxe contundente a todas as mulleres do noso municipio, «é importante que todas as mulleres de Porriño saiban que á hora de afrontar esta triste realidade, contan co respaldo absoluto do Concello de Porriño. Calquera veciña que estea a ser obxecto de calquera acto de violencia conta con servizos de apoio especializado inmediato, información, orientación e asesoramento a nivel xurídico e psicolóxico prestado de xeito totalmente gratuíto dende o Centro de Información á Muller do Concello de Porriño».

E é que o Concello de Porriño conta cun protocolo de actuación ante estes casos perfectamente definido e coordinados dende a Mesa Contra a Violencia de xénero, que forman representantes dos Servizos Sociais municipais, Centro de Información á Muller, Policía Local, Garda Civil, representantes da comunidade educativa, do Centro de Saúde e un representante da Subdelegación de Goberno.

As mulleres chegan ao CIM derivadas tanto polos profesionais dos equipos de servizos sociais de Porriño, como dos corpos de seguridade do estado (Policía Local e Garda Civil), dos profesionais dos centros de saúde ou por iniciativa propia.

Lonxe de ser un problema erradicado, os datos ofrecidos polo CIMde Porriño confirman que segue sendo necesaria o traballo diario de prevención e intervención ante estes casos. E é que, o pasado 2013 se levaron a cabo 287 intervencións en casos de violencia de xénero no noso municipio, despois de realizar no que vai de ano 2014, 210 intervencións.
O perfil da muller que atende o CIM segue sendo maioritariamente de nacionalidade española, cun significativo impacto na franxa de idade comprendida entre os 36 e 45 anos, sen estudos ou con estudos primarios, con fillos e, a nivel laboral, dependentes economicamente da súa parella.

Seguen dándose casos de mulleres cun alto nivel de risco polo perfil dos agresores, necesitando 26 delas medidas como a Teleasistencia para vítimas de violencia de xénero.

«Aínda que as campañas de prevención e as intervencións realizadas están a dar os seus froitos, o número de mulleres que calan segue sendo moi superior ás que poñen nome e apelidos ao seu agresor», explicou a edil, Teresa Veloso, «dende o Concello seguiremos traballando incansablemente para reivindicar os dereitos de todas elas, condenar este tipo de condutas e inculcar ás futuras xeracións valores de respecto, igualdade e tolerancia».

Deja un comentario