+034 986 09 02 04 Venres 24 de Novembro de 2017

Uxío Benítez anuncia unha reunión a catro bandas para falar da ponte de Catoira


O deputado de Mobilidade visitou hoxe o viaduto, que soporta gran cantidade de tráfico interprovincial e conecta estradas autonómicas

“Solicitaremos un encontro coa Xunta de Galicia para ver a viabilidade e condicións dunha posible transferencia”, asegurou
O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, visitou hoxe o concello de Catoira e anunciou que a vindeira semana realizarase unha reunión a catro bandas para falar do futuro da ponte interprovincial: con representantes das deputacións de Pontevedra e A Coruña e dos concellos de Catoira e Rianxo. Segundo indicou o pontevedrés, a intención é ver a posibilidade de que o viaduto, que soporta gran cantidade de tráfico interprovincial, poida ser transferido á Xunta de Galicia.
“Estamos traballando para buscar unha solución a unha demanda histórica. Entendemos que a Xunta de Galicia debe ser receptiva á petición da transferencia e que poidamos estudar en conxunto a viabilidade e as condicións do posible traspaso de titularidade”, subliñou o deputado nacionalista. Benítez artellou o encontro a catro bandas da próxima semana despois de que o pasado mes de marzo o alcalde catoirense puxera a situación da ponte entre as súas prioridades. Así, o deputado púxose en contacto coa Deputación da Coruña (titular da outra metade da ponte) para fixar un plantexamento común das catro administracións que facerlle chegar despois aos responsables de infraestruturas do goberno galego.
No día de hoxe, o responsable das infraestruturas provinciais percorreu a parte pontevedresa da ponte comprobando ‘in situ’ a súa situación, e foi testemuña da grande cantidade de tráfico que atravesa o viaduto, sobre todo de camións de grandes dimensións que levan mercadorías portuarias. “Entendemos que esta ponte da servizo a estradas estatais, á autoestrada e as autovías autonómicas. Conecta a rede de estradas de titularidade da Xunta de Galicia, polo que non ten sentido que o mantemento estea a cargo das deputacións de Pontevedra e A Coruña e dos concellos de Catoira e Rianxo”, subliñou.
Urbanización de Dimo-Coaxe
Por outra banda, o deputado de Mobilidade, aproveitou a visita ao Concello de Catoira para falar da mellora da estrada EP-8703 entre Dimo-Coaxe, así como das actuacións que a Deputación pontevedresa ten previstas en Catoira ao abeiro do Plan MOVESE, que pretende mellorar a seguranza viaria das estradas mediante o calmado do tráfico. Segundo explicou o deputado de Mobilidade, os servizos técnicos provinciais poranse en contacto cos técnicos provinciais para establecer os puntos de instalación dos pasos de peóns sobreelevados e os redutores de velocidade.
En canto á urbanización da EP-8703 entre Dimo e Coaxe, que ten unha lonxitude de 3,3 quilómetros, o deputado instou aos técnicos municipais a entregar o topográfico da vía aos responsables provinciais para falar da redacción dun novo proxecto e definir unha actuación global que se podería executar en diferentes fases. O alcalde manifestou o seu interese por realizar unha mellora, sobre todo, na contorna da igrexa da parroquia de Dimo polo constante trasego de viandantes.

Deja un comentario