+034 986 09 02 04 Luns 25 de Xuño de 2018

O PP denuncia que a estrada Barciademera-Covelo continúa nunha situación de extremo perigo ante a pasividade do goberno provincial


“É unha situación alarmante, das peores que temos visto en toda a provincia, os veciños poñen en risco a súa seguridade diariamente ao pasar por esta vía”, denuncia Nidia Arévalo

O grupo provincial do Partido Popular denuncia que a estrada provincial EP-5105 Barciademera-Covelo, no lugar de Redondo, continúa nunha situación de “extremo perigo” sete meses despois de que se producira un derrube na calzada, ante a pasividade do goberno provincial. Critican desde o PP que en todo este tempo, desde o bipartito da Deputación de Pontevedra foron incapaces de ofrecer unha solución a esta grave situación, pero ademais, aclaran que ninguén se puxo en contacto co concello para ofrecer unha explicación a esta parálise.

A voceira do grupo popular, Nidia Arévalo, xunto co alcalde de Covelo, Pablo Castillo, e o deputado do PP na comarca, Julio Alén, visitaron esta mañá a zona afectada. Alí comprobaron que, ademais do perigo evidente do terraplén, que reduce de xeito importante o ancho da estrada, e de que haxa un poste de Fenosa tirado, súmase unha pésima sinalización da zona, o que produce un perigo evidente para vehículos e peóns sobre todo nesta época do ano na que a circulación é máis intensa. Segundo explicou Pablo Castillo, esta estrada non se pode cortar ao tráfico e os veciños continúan circulando por ela porque é o único acceso que teñen para chegar ás súas vivendas e tamén para comunicalas con Barciademera e Covelo.

“É unha situación alarmante, das peores que temos visto en toda a provincia, os veciños poñen en risco a súa seguridade diariamente ao pasar por esta vía provincial. É unha vergonza que sete meses despois, o goberno de Carmela Silva non ofreza unha resposta e unha solución”, denuncia Nidia Arévalo. A voceira do PP recorda que o que está pasando coas estradas provinciais “é un despropósito, están totalmente abandonadas”, pero insiste en que o caso de Covelo “vai moito máis aló, porque debería terse solucionado de xeito urxente hai xa moito tempo”.

Pola súa parte, o alcalde e presidente do PP local fíxose eco do malestar dos veciños de Redondo, “que ven como en todo este tempo non se solucionou o problema, pero tampouco se sinalizou o derrube correctamente”. Consideran que “esta situación é grave e perigosa” e urxen unha solución inmediata. Ademais, solicitan tamén a renovación do firme en todo o tramo antigo da estrada xa que está totalmente deteriorado pola ausencia de conservación e mantemento. Pablo Covelo explicou que esta petición xa se lle trasladou aos actuais responsables da institución provincial.

Deja un comentario