+034 986 09 02 04 Luns 20 de Novembro de 2017
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Celso Fernández Sanmartín contará ‘Cousas e cousiñas’ en Moraña


Esta sesión de contacontos enmárcase nas actividades do Ano Castelao e terá lugar ás 21:30 horas da tarde de mañá venres na Casa da Cultura ADR Castelao
A Casa da Cultura ADR Castelao, no concello de Moraña, acolle na tarde deste venres unha sesión de contacontos a cargo do contador lalinense Celso Fernández Sanmartín, unha actividade cultural que se enmarca na programación do Ano Castelao que a Deputación provincial está levando a cabo nos concellos de toda a provincia. Entre as actividades ofertadas ao longo do ano, inclúese o ciclo ‘Contando cousas e cousiñas’, no que se combinan historias de diversa procedencia, algunhas escritas por Castelao, outras tradicionais, e mesmo de colleita propia dos contadores e contadoras galegas que participan. No ciclo participan Bea Campos, Cándido Pazó, Raquel Queizás e Celso Fernández Sanmartín, sendo este último o que mañá se achegará a Moraña
A sesión de contacontos está prevista para as 21:30 horas, e forma parte dun programa que inclúe actividades vinculadas con algunha das disciplinas culturais e artísticas que o propio Castelao foi desenvolvendo ao longo da súa traxectoria. No caso do ciclo de contacontos ‘Contando cousas e cousiñas’ conecta cos relatos satíricos sobre a realidade sociocultural dunha época que Castelao publicou na súa obra ‘Cousas’. Así, Celso Fernández Sanmartín abordará unha realidade, a actual, a través de historias tiradas da tradición oral nas que a retranca e a sátira tamén xogarán un papel importante. Celso Fenández Sanmartín é un coñecido contador tanto no contexto galego como fóra das fronteiras da Galiza, grazas a un nutrido repertorio de historias encardinadas coa tradición transmitida maioritariamente nas contornas rurais. Ademais este contador ten unha ampla experiencia na recollida de contos e historias aportadas por persoas maiores das parroquias de Lalín, así como da súa etapa de dinamizador sociocultural na residencia da terceira idade deste concello. Unha recollida que ao longo da súa traxectoria profesional ten ampliado por outros puntos do país. Recentemente ven de ser galardoado co Premio ao Mellor Actor do Festival de Teatro Galego 2015 (Fetega), logo da súa actuación con Carlos Blanco no espectáculo ‘Contos na Lareira’.
O programa de actividades culturais do ‘Ano Castelao’ está conformado por exposicións, concertos e obradoiros infantís co obxecto de contribuír a complementar as programacións culturais locais, co obxecto de chegar a toda a poboación da provincia. Ao longo de todo o ano, chegarse á totalidade dos 62 concellos de Pontevedra.

Deja un comentario