+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Decembro de 2019

Ponte Caldelas acolle un curso para aprender a grabar curtametraxes co teléfono móbil


Está encadrado no programa Depo RúARTE

A paisaxe urbana e natural de Ponte Caldelas será o fondo que acompañará ás tramas das curtametraxes que a veciñanza do municipio grabará cos seus propios teléfonos móbiles. O Concello ofrece un obradoiro que se vai celebrar a finais de xullo no colexio Manuel Cordo Boullosa.
Está dirixido a xente de tódalas idades (aínda que hai preferencia á franxa comprendida entre os 14 e os 30 anos). Hai 20 prazas e o prazo de inscrición xa está aberto, polo que os interesados deben ir canto antes á Casa do Concello para encher a folla de inscrición.
O obradoiro celebrarase en horario de mañá (de 9 a 14 horas) de luns a venres, durante a última semana de xullo. Non é necesario nada máis que acudir cun teléfono móbil e unha boa dose de imaxinación e gañas de sorprender.
Este curso está incluído dentro do programa Depo RúARTE 2016 da Deputación de Pontevedra. Consiste nun programa provincial de dinamización xuvenil, que ten por finalidade levar a cabo actividades educativas e de lecer que atendan as demandas do colectivo xuvenil da provincia, ofrecéndolles un espazo de encontro e intercambio de experiencias, así como novas alternativas de lecer que potencien movementos de participación e cooperación social.
O programa, dirixido a municipios de menos de 50.000 habitantes, foi aproveitado por 40 municipios da provincia que realizan todo tipo de actividades relacionadas coa expresión artística xuvenil. O Concello de Ponte Caldelas optou pola aprendizaxe na realización de curtas caseiras co móbil, un campo en expansión.

Deja un comentario