+034 986 09 02 04 Domingo 20 de Setembro de 2020

López-Chaves reúnese cos comerciantes da contorna do Xeral para informarlles dos trámites para a futura Cidade da Xustiza


O delegado territorial da Xunta reiterou o total compromiso do Goberno galego en trasladar a actividade xudicial ao edificio do antigo Hospital Xeral

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, vén de manter unha xuntanza con representantes da asociación de comerciantes da contorna do antigo Hospital Xeral para informarlles sobre os avances do proxecto.

López-Chaves reiteroulles o total compromiso da Xunta de Galicia en ocupar coa futura Cidade da Xustiza o edificio do Xeral e informoulles de que o goberno galego escoitará todas as propostas que se poñan enriba da mesa para acadar un consenso de todas as partes involucradas e así lograr avances para que no 2019 estean executadas as obras.

Ademais, comunicoulles que, segundo os prazos establecidos, tivo lugar na sede do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) da cidade a constitución formal do xurado que analizará os anteproxectos admitidos a través do concurso de ideas convocado para levar a cabo esta obra. O xurado será o órgano responsable de avaliar e clasificar as propostas presentadas a fin de determinar aquela que estime máis adecuada aos fins obxecto de licitación de acordo cos criterios de avaliación. Unha vez emitido o seu fallo, será elevado ao órgano de contratación para a súa aprobación e resolución. A previsión é que se poida facer pública a resolución do concurso a finais de setembro.

Este proxecto permitirá así non só albergar as necesidades actuais, senón que dará cabida ás necesidades futuras da cidade de Vigo no eido da xustiza. Grazas a esta actuación, concentrarase nun único edificio toda a actividade xudicial da cidade, ao dispor dunha superficie de máis de 36.000 m2 que permitirá albergar as unidades xudiciais ubicadas nos dous edificios da Rúa Lalín actualmente en funcionamento, así como as previstas nun novo edificio xudicial xa proxectado para a cidade olívica.

O delegado territorial quixo destacar a colaboración e o compromiso dos comerciantes da zona ante a situación e trasladoulles que non debe perder a súa categoría de centro neurálxico comercial da cidade, onde xúntanse espazos de lecer, deportivos, administrativos e residenciais.

Deja un comentario