+034 986 09 02 04 Venres 25 de Maio de 2018

A Consellería de Política Social busca formar e apoiar a coidadores non profesionais a través do programa “Xuntos nos coidados”


O obxectivo do Goberno galego é a mellorar a calidade do servizo e da atención que prestan dándolles información, formación e apoio que permitan os mellores coidados posibles segundo as características e situación do dependente

A Consellería de Política Social presentou o informe sobre as actuacións de apoio ás persoas coidadoras no contorno familiar que dende o departamento autonómico, a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, desenvólvese dende o ano 2010 no marco do Programa “Xuntos nos coidados”. Estas actuacións de apoio aos coidadores inciden especialmente no coñecemento, adestramento en habilidades e o desenvolvemento de actitudes adecuadas para o coidado de persoas en situación de dependencia.

O obxectivo do Goberno galego é a mellorar a calidade do servizo e da atención que prestan dándolles información, formación e apoio que permitan os mellores coidados posibles segundo as características e situación do dependente. Ao mesmo tempo, búscase pór a disposición dos coidadores unha formación que sirva de ferramenta na atención dirixida ás persoas en situación de dependencia e facilite a súa futura inserción laboral nun futuro.

Para acadar os obxectivos de “Xuntos nos coidados”, en marzo publicouse un manual específico dirixido a persoas de coidadores de menores en situación de dependencia, co obxectivo de transmitir coñecementos útiles –autocoidado, medidas hixiénico-dietéticas, habilidades persoais e comunicativas, identificación de factores de risco, prevención das situacións de dependencia, etc.- que contribuirán a mellorar a calidade de vida e a autonomía persoal, tendo en conta a situación individual de cada dependente.

Por outra banda, neste ano 2016 o programa formativo continuará co desenvolvemento de 7 cursos formativos piloto dirixidos especificamente a coidadores de persoas en situación de dependencia menores de idade, coa continuación de cursos de seguimento e reforzo da formación de persoas coidadoras de persoas en situación de dependencia con demencia (17 cursos) e coa continuación da creación e dinamización de grupos de autoaxuda (10 grupos).

A Consellería de Política Social inviste neste Programa un total de 33.568,83€ no ano 2016.

Deste xeito, continúase coa liña de traballo trazada e comezada hai 6 anos, co obxectivo de contribuír á mellora da calidade dos coidados e da prestación de servizos de promoción da autonomía persoal e de atención ás persoas en situación de dependencia.

Compromiso coa dependencia
Dentro do ámbito do sistema de atención á dependencia, a Xunta de Galicia puxo en marcha no ano 2010 un programa de formación non formal e apoio aos coidadores no profesionais de persoas en situación de dependencia con dereito recoñecido. Así, ata a data, dende a Consellería de Política Social téñense publicado o manual básico de formación para as persoas coidadoras non profesionais, a Guía para coidados no contorno familiar, o Manual especializados para os coidadores de persoas con demencia, o Manual especializado para persoas coidadoras de persoas con enfermidade mental e o Manual de formación para os coidadores non profesionais de persoas con enfermidades crónicas, garantindo a calidade dos contidos formativos e o seguimento duns criterios homoxéneos en toda a Comunidade, e dos que se pode dispoñer a través da seguinte dirección http://benestar.xunta.es/web/portal/guias.

Así mesmo, leváronse a cabo ata o momento preto de 400 accións formativas na meirande parte dos concellos de Galicia, que formaron a preto de 10.000 coidadores e coidadoras non profesionais.

Cómpre destacar que ao longo destes anos asinouse un convenio de colaboración coa USC, a través dos Departamentos de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía e o Departamento de Psiquiatría, Radioloxía e Saúde Pública para “investigar a eficacia de dous tratamentos psicolóxicos breves para reducir o risco de depresión en mulleres coidadoras de persoas dependentes”, e así previr a aparición ou agravamento de situacións de dependencia das persoas coidadoras. O obxectivo principal deste convenio foi establecer a colaboración coa USC para que levase a cabo, aplícase e avalíase dous programas de intervención psicolóxica breve para mulleres que coidan de persoas dependentes e que estaban en risco de depresión: presentaban síntomas depresivos pero non desenvolveran aínda unha depresión clínica.

Na liña do traballo coordinado para conseguir unha maior e máis eficaz atención, a Consellería de Política Social en colaboración coa Consellería de Sanidade, teñen en marcha dende 2011 a instrumentación dun apoio continuo de atención telefónico aos coidadores non profesionais de persoas en situación de dependencia a través do teléfono 902 400 116 que ten como obxectivo prestar información sobre coidados asistenciais ou sobre situacións sanitarias non urxentes.

Deja un comentario