+034 986 09 02 04 Mércores 13 de Novembro de 2019

A Concellería de Deportes e o CIFP A Granxa únense para mellorar o estado do campo de herba natural de Pardellas


Unha ducia de alumnos de Acción Formativa para Desempregados (AFD) en Xardinería levan a cabo diversos traballos de mantemento de cara a nova tempada
Un grupo de 11 alumnos da CIFP Granxa, que están a realizar un curso de AFD en Xardinería, estiveron a pór en práctica os coñecementos adquiridos con traballos de coidado e mantemento do campo de herba natural de Pardellas, onde usualmente xoga a Sociedad Deportiva Juvenil.
“É moi interesante a colaboración do Concello de Ponteareas con outras institucións alleas, como por exemplo esta colaboración co CIFP A Granxa, que é un centro de referencia en toda Galicia. Con esta colaboración beneficiase tanto o Concello como tamén os propios alumnos, que poden aprender e demostrar nun campo de herba natural os seus coñecementos adquiridos. Dende aquí quero agradecer tanto ao centro educativo como tamén aos alumnos que estiveron traballando duramente durante dous días no campo de herba natural, traballos que de seguro darán como resultado na mellora do campo de cara a nova tempada”, sinala Benito Márquez, edil delegado de Deportes.
Entre os traballos realizados leváronse a cabo o aireado do céspede, escarificado, resementado e abonado, co fin de que mellore o estado do terreo de xogo e do céspede e recupere un estado óptimo nas próximas semanas, cando remate o proceso de xerminación.
“Agradecemos moito a implicación do CIFP A Granxa. Dende o Concello pretendemos que esta colaboración non sexa algo puntual, senón que siga ano a ano. É importante que a institución municipal deixe de ser un ente que vaia polo seu lado, senón que é importante que colabore con outras institucións como esta, ou coas universidades, xa que así son moitas máis as posibilidades de mellora da nosa vila en moitos ámbitos”, sinala Benito Márquez.

Deja un comentario