+034 986 09 02 04 Mércores 23 de Setembro de 2020

A Deputación achega 69.000 € a Nigrán entre catro novas axudas do Plan Concellos 2016


O grao de adxudicación do Plan Concellos en Nigrán sitúase preto do 78%, o que supón un investimento na vila de 734.254,78 €

A Deputación de Pontevedra, mediante resolución presidencial, vén de aprobar catro novas achegas a Nigrán ao abeiro do Plan Concellos 2016. Nesta quenda, trátase dun proxecto de creación dun espazo público na rúa San Roque, cun investimento de 37.234,97 €, e tamén dun parque infantil na mesma rúa, con 16.480,05 €, outros 10.170,02 € para o mobiliario urbano na Alameda de San Campio, e por último, 5.850,35 € para o Parque Biosaudable en Chandebrito.

Esta actuación súmase ás xa aprobadas anteriormente polo Goberno provincial ao abeiro do Plan Concellos, que destinou 416.242 € na liña 1 á humanización do torreiro da vila, á rehabilitación do parque, da escola e da zona deportiva de Priegue, á creación dun parque en San Pedro (na rúa Ana Isabel Costas) e o parque mestre Xosé Vázquez Grela, así como 35.062,08 € na liña 3 para a celebración de diversas actividades (a Carreira Nigrán Área, “Illas Estelas”, guías por sendeiros, un programa municipal de canguros, os campamentos de verán, “Verán en Nigrán”, “Outono Cultural”, a II Trail e BTT Nigrán, o Campionato Mundial de Bolos, a Festa de San Félix, o Entroido, o Nadal Cultural e o Festival Nigrán Jazz – X Aniversario) e 213.215,31 €, finalmente, na liña 4 –emprego– para a contratación de 29 traballadoras e traballadores que están a traballar nos servizos municipais da vila.

No que levamos de 2016, o grao de adxudicación do Plan Concellos 2016 destinado a Nigrán sitúase no 77,5% do total, o que supón que neste momento o investimento na vila por parte do Goberno provincial ao abeiro desta iniciativa acada a cifra de 734.254,78 €.

Deja un comentario