+034 986 09 02 04 Martes 04 de Agosto de 2020

O Goberno local de Ponte Caldelas busca o consenso para acadar a apertura da Casa da Quintán como Centro de Día para maiores


PSdeG-PSOE, AVP e BNG invitan ao PP a sumarse a unha moción na que se lembra que as obras xa están feitas dende 2009 e que o Consorcio da Igualdade e o Benestar está anunciando centros por toda Galicia

O Goberno local de Ponte Caldelas non está disposto a que a Casa da Quintán, o chalé indiano reformado pola Xunta de Galicia en 2009 para usos sociais, se bote a perder. Despois de retirar unha moción durante o último Pleno municipal co ánimo de acadar o consenso político no Concello, volverá levar este asunto á sesión plenaria de finais deste mes co obxectivo de acadar o voto favorable das tres forzas de goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) e da oposición do PP.
A nova moción, entregada estes días ao grupo popular, é practicamente idéntica á anterior e, segundo explica o alcalde, Andrés Díaz, está redactada superar todas as diferencias de formas e ir ao fondo do asunto, con independencia de que as obras as fixera a Xunta de Galicia bipartita e que a actual teña un signo político distinto. O que importa é o presente, recalca o alcalde.
Queremos que a Casa da Quintán abra canto antes e que os veciños de toda a bisbarra reciban un servizo do que carecen, engade o rexedor. A moción lembra que o xerente do Consorcio, Perfecto Rodríguez, está a anunciar a apertura inminente de Centros de Día para maiores por toda Galicia. En apenas un par de semanas publicitounos en Redondela, Curtis, Maceda e Pobra do Caramiñal, polo que Ponte Caldelas, onde as obras están feitas, non pode ser menos.
A resolución municipal pide, por tanto, a apertura da Casa da Quintán como Centro de Día para dar servizo aos maiores de Ponte Caldelas, A Lama e Cotobade. Sen prexuízo disto, o Concello expresa ao Consorcio Galego a súa disposición para aceptar calquera outro fin relacionado cos servizos sociais. Finalmente, na liña das recentes visitas de Perfecto Rodríguez aos catro concellos onde ten anunciado a inminente apertura de Centros de Día, o Concello de Ponte Caldelas invítao a visitar tamén, oficialmente, a Casa da Quintán acompañado dos portavoces das catro forzas políticas representadas na Corporación municipal.
A Casa da Quintán foi restaurada en 2009 pola Xunta de Galicia cun investimento de 407.803 euros co obxectivo de convertela nun centro de viviendas comunitarias para persoas con discapacidade psíquica. Non obstante, tras o cambio no signo político do Goberno galego nunca chegou a abrir as súas portas. O alcalde xa anunciou no último Pleno que os propietarios orixinais, que cederon o inmoble para este fin, admiten o cambio de uso para Centro de Día, polo que o único que falta é a vontade política de poñela en funcionamento.

Deja un comentario