+034 986 09 02 04 Luns 20 de Maio de 2019

O concello de Bueu aposta pola música de Carlos Núñez, coa organización dun concerto


Carlos Núñez anuncia por sorpresa un dos seus escasísimos concertos de verán en escollidos e pequenos lugares da súa terra : A igrexa de S. Martiño de Bueu, na que estará o 31 de xullo ás 21.30 horas. As entradas poñeranse á venda en Ataquilla.com a partir desta tarde e poderán reservarse ata un máximo de 350 a un custe de 12 euros.
Esta é unha iniciativa pioneira do Concello de Bueu, apoiada polo noso músico máis internacional, convencido de que o futuro da nosa música no propio país pasa, -alén da necesaria internacionalización – pola súa independencia e por abandonar progresivamente o modelo de concerto gratuíto pagado con cartos públicos, para adaptarse aos tempos e acostumar ao público a pagar unha entrada, o que axudará tamén a valorizar o noso patrimonio e mesmo a desestacionalizar o turismo.
Galicia ten unha cantidade de espazos incribles fora das grandes cidades onde se poderían facer moitos máis concertos dos que se fan.
Os propios festivais celtas no mundo xa non se conciben como unha fin de semana de grandes concertos, senón algo moito máis espallado no tempo e con múltiples posibilidades de escenarios. O artista vigués goza igualmente de grandes macro concertos – ven de tocar en Suíza nun macro festival coas súas varios centos de miles de entradas escotadas hai meses, xusto despois de Iron Maiden – pero tamén de pequenos e non menos importantes concertos case acústicos en lugares íntimos e especiais.
Estes espazos foron aquí tradicionalmente asociados coa música clásica ou a música antiga e máis recentemente co indie, pero son lugares nos que o natural, se cadra é a nosa propia música e moitas veces é en espazos semellantes triunfa no mundo, sen dúbida sería un verdadeiro aliciente para atraer visitantes de fóra e gozar da nosa riquísima tradición musical nos lugares onde naceu.
Carlos actuará cos mesmos músicos “todoterreo” cos que se atopa de xira por toda Europa, o seu irmán Xurxo Núñez ás percusións, o seu vello compañeiro Pancho Álvarez ás cordas e o violinista e bailarín Jon Pilatzke, actualmente titular dos Chieftains.

Deja un comentario