+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Setembro de 2019

O concello de Bueu organiza un segundo pase do concerto de Carlos Núñez o vindeiro domingo


Ante o éxito de acollida na venda das 350 entradas para o concerto de Carlos Núñez, que se celebra o vindeiro domingo na Igrexa Parroquial de Bueu, que se esgotaron en pouco máis de vinte e catro horas, o Concello decidiu organizar un segundo pase para o mesmo domingo ás 23.15 horas, complementándose co que xa está previsto para as 21.30. As entradas poden mercarse a partir deste martes na web Ataquilla.com a un custe total de 13.45 €.
Esta iniciativa, pioneira do Concello de Bueu, traerá ao artista vigués ao municipio morracense acompañado dos mesmos músicos “todoterreo” cos que se atopa de xira por toda Europa, o seu irmán Xurxo Núñez ás percusións, o seu vello compañeiro Pancho Álvarez ás cordas e o violinista e bailarín Jon Pilatzke, actualmente titular dos Chieftains.
Galicia ten unha cantidade de espazos incribles fora das grandes cidades onde se poderían facer moitos máis concertos dos que se fan.
Os propios festivais celtas no mundo xa non se conciben como unha fin de semana de grandes concertos, senón algo moito máis espallado no tempo e con múltiples posibilidades de escenarios. O artista vigués goza igualmente de grandes macro concertos – ven de tocar en Suíza nun macro festival coas súas varios centos de miles de entradas escotadas hai meses, xusto despois de Iron Maiden – pero tamén de pequenos e non menos importantes concertos case acústicos en lugares íntimos e especiais.
Estes espazos foron aquí tradicionalmente asociados coa música clásica ou a música antiga e máis recentemente co indie, pero son lugares nos que o natural, se cadra é a nosa propia música e moitas veces é en espazos semellantes triunfa no mundo, sen dúbida sería un verdadeiro aliciente para atraer visitantes de fóra e gozar da nosa riquísima tradición musical nos lugares onde naceu.

Deja un comentario