+034 986 09 02 04 Venres 17 de Novembro de 2017
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A nova web de Turismo Rías Baixas xa está operativa


 

A nova páxina de promoción turística supón unha mellora visual e de contido e ten por obxectivo pór en valor o destino Rías Baixas para impulsar o desenvolvemento e a creación de postos de traballo na provincia

Esta mesma mañá comezou a estar operativa a nova web de Turismo Rías Baixas (www.turismoriasbaixas.com), unha plataforma online elaborada por persoal propio da institución provincial e que non supuxo custos engadidos para as arcas provinciais. Como indicou a Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, durante a presentación da páxina aos medios o pasado venres, esta web “ten por obxectivo pór en valor toda a potencialidade das Rías Baixas para atraer o maior número de turistas posible e contribuír, así, ao impulso do sector como factor de desenvolvemento económico, xeración de riqueza e creación de postos de traballo na provincia de Pontevedra”.

A páxina pódese consultar en galego, castelán e inglés e tanto dende ordenadores como tablets e móbiles grazas ao seu deseño adaptado a cada dispositivo (deseño responsive). A instalación da nova plataforma xa está efectiva ao 100%, polo que non suporá ningún parón no seu acceso.

A nova páxina web, en consonancia coa tendencia actual dos destinos intelixentes, proporciona ás e aos turistas unha experiencia diferente que, ademais, poderán confeccionar segundo os seus gustos e necesidades. En concreto, a plataforma de forma automatizada ofrecerá á e ao visitante experiencias únicas acorde á estación do ano e permitirá introducir a forma na que cada persoa desexa viaxar, ben sexa sen compañía ou en parella, en grupo ou con nenas e nenos, en primavera ou verán, entre outras opcións.

Entre as moitas modificacións técnicas introducidas resaltan a simplificación da navegación e usabilidade para facela máis cómoda para a persoa navegante; a eliminación das votacións ou opinións, xa dispoñibles noutros portais; a posta en marcha de contidos accesibles e en menos clics e o re-deseño da web, acorde ás últimas tendencias e estándares creativos, potenciando a experiencia do usuario e unha interfaz limpa e clara.

Ademais, nesta renovada web os concellos, como pezas fundamentais que son dentro da estratexia turística que a Deputación de Pontevedra está a levar a cabo, terán maior protagonismo e espazo propio para a promoción dos seus recursos turísticos. Tamén ocuparán un lugar en portada os atractivos culturais, gastronómicos e deportivos da provincia, así como as novas e a axenda de eventos.

Na presentación, Carmela Silva manifestou a importancia das novas tecnoloxías “para promover o turismo, dando a coñecer todas as nosas potencialidades, captar a atención das usuarios e usuarios e contribuír a que as e os turistas, dende as súas casas, poidan planificar a viaxe ao destino Rías Baixas”. Neste contexto, a Presidenta destacou que “a antiga plataforma web era inútil para a promoción turística, con información de difícil acceso e disuasoria xa que as usuarias e usuarios entraban unha vez e non regresaban máis”. Por tal motivo, a nova páxina web –en palabras de Silva– “adaptada aos tempos, é moito máis atractiva, de fácil manexo, útil e eliminou os problemas técnicos que existían, co obxectivo de invitar ás e aos turistas a que coñezan o noso destino e facilitar a xestión e planificación da súa viaxe”.

Deja un comentario