+034 986 09 02 04 Venres 13 de Decembro de 2019

Feijóo salienta que a Área Metropolitana de Vigo nace “como un proxecto de todos” e apela á implicación de todos “para que sexa útil” aos case 500.000 galegos da área


 “Estamos nun momento histórico para Vigo e para toda Galicia, non só porque se está a dar cumprimento a unha reclamación cidadá que leva anos facéndose, senón porque supón un punto de inflexión cara ao futuro no que a xestión municipal se refire”, di

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe, na sinatura da lei pola que se modifica a Lei 4/2012 do 12 de abril da Área Metropolitana de Vigo, que esta nace como “un proxecto de todos” e apelou á implicación de todos para que sexa útil aos case 500.000 galegos da área.

Durante o acto, Feijóo afirmou que con esta sinatura se pon o selo dun traballo de moita xente e moitas administracións; “pero, por riba de todo, conseguimos un acordo para mellorar a vida dos cidadáns”. E incidiu na necesidade de seguir traballando e implicarse todos en desenvolver a área desde a súa entrada en vigor, un mes despois da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

“Estamos nun momento histórico para Vigo e para toda Galicia, non só porque se está a dar cumprimento a unha reclamación cidadá que leva anos facéndose, senón porque supón un punto de inflexión cara ao futuro no que a xestión municipal se refire”, dixo.

Unha área metropolitana para mellorar a calidade de vida de medio millón de veciños
O titular do Executivo autonómico subliñou que as posibilidades e os beneficios son enormes e abarcan distintos ámbitos, como o transporte metropolitano, no que finalmente se integrou o Concello de Vigo e que permitirá aforrar de media aos usuarios frecuentes ata 1.000 euros anuais grazas ás bonificacións da Xunta (80%) e dos concellos (20%).
Nesta liña, lembrou que a acción coordinada e a prestación conxunta permitirá dar un mellor servizo a un menor custo, racionalizando a Administración pública, en eidos como a prestación dos servizos sociais, nas propostas para a captación de fondos europeos, na recollida do lixo, na promoción turística ou na promoción económica, na protección civil e na seguridade cidadá.

Ao longo da súa intervención, Feijóo lembrou que hoxe se ratifica un paso máis dun proceso que non foi sinxelo, pero que será un instrumento útil de cooperación para os 14 concellos que o conforman.

“Hai xa varios lustros que este proxecto xurdiu como un soño da iniciativa cidadá, e estamos a punto de que sexa por fin unha realidade tanxible e útil e que servirá para, precisamente, mellorar a calidade de vida de case medio millón de galegos”, dixo, facendo fincapé en que a área metropolitana abre un amplo abano de oportunidades para Vigo e para os outros 13 concellos, e sobre todo para os seus veciños, “os auténticos destinatarios deste instrumento”.

Así mesmo, lembrou que foron precisos meses de traballos e anoa de reivindicacións para acadar finalmente un texto de consenso que foi remitido ao Parlamento, “cumprindo así o compromiso que eu mesmo tiña adquirido hai agora xusto un ano -precisou Feijóo-, e onde se enriqueceu aínda máis con alegacións dos grupos, sendo tramitada e aprobada nun tempo récord e de xeito unánime”.

Feijóo concluíu destacando e agradecendo a implicación de todos os que traballaron para que este proxecto saíse adiante, e expresou a súa satisfacción por formar parte da Xunta “que promoveu esta lei e que perseverou ata conseguir que este texto se sentise parte de todos”. “O esforzo pagará a pena porque a área de Vigo dentro de 10 anos non se entenderá sen a lei que hoxe promulgamos”.

Deja un comentario