+034 986 09 02 04 Venres 17 de Novembro de 2017
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Uxío Benítez anuncia a convocatoria oficial da Mesa provincial da Mobilidade Ciclista para o mes de setembro


O deputado de Mobilidade insiste na aposta polos desprazamentos peonís e ciclistas na provincia e propón a creación dunha rede de itinerarios

 

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez, anunciou a convocatoria oficial para a Mesa provincial da Mobilidade Ciclista para o vindeiro mes de setembro. O responsable provincial citará aos colectivos ciclistas da provincia, á Xunta de Galicia, á Dirección Xeral de Tráfico, Ministerio de Fomento e outras entidades para manter un encontro que sirva de base para traballar de forma conxunta co obxectivo de crear unha rede de itinerarios ciclistas na provincia. “É básico que todas as administracións traballen na mesma liña, porque a mobilidade ciclista é un tema que trascende a unha soa administración. Para pensar un itinerario de mobilidade ciclista é preciso ter en conta administracións a moitos niveis, por iso é preciso unha convocatoria de reunión conxunta, para converxer e poñer sobre a mesa necesidades e solucións”, asegurou.
Benítez fixo estas declaracións no encontro desta mañá na Deputación, ao que estaban convocados representantes de diferentes colectivos da provincia para unha primeira toma de contacto: Pedaladas, Rurban, Bicicleando, A golpe de pedal-Vigo, Arousa en bici e Federación galega de ciclismo. Tamén estivo presente o asesor provincial de Mobilidade, Jesús Fole.

O deputado comprobou no encontro que as asociacións comparten plenamente a filosofía de mobilidade que o novo goberno da Deputación decidiu aplicar no último ano: poñer as mobilidades peonís e ciclistas como prioridade fronte aos vehículos a motor. Asegurou que esa aposta se concretou coa aprobación do decálogo de criterios de actuación nas vías provinciais e tamén coa inminente mellora da seguranza viaria e o calmado do tráfico das estradas grazas ao Plan de Mobilidade e Velocidade Seguras (MÓVESE), coa instalación de zonas 30, pasos de peóns sobreelevados e redutores físicos da velocidade.

“A nova filosofía deste goberno plasmouse oficialmente no decálogo de criterios para as actuacións nas vías provinciais, que será posto en xuízo por parte do PP no Pleno deste venres cunha moción. Ese decálogo, con independencia de se estamos dacordo nun punto ou nunha coma -dixo- defende un novo modelo que aposta pola mobilidade peonil e pola mobilidade ciclista. En definitiva, un modelo que aposta polas persoas e a súa calidade de vida”.
Benítez agradeceu a participación no encontro de hoxe aos representantes ciclistas. “Son persoas de colectivos a nivel local e provincial que están preocupadas pola mobilidade ciclista, pola seguranza viaria, e que expanden ideas que coinciden coas nosas. Aportáronnos moito polo seu coñecemento polo tempo que levan traballando sobre esta cuestión”, asegurou, para insistir en que á hora de poñer en marcha a Mesa de Mobilidade Ciclista debe ser unha obriga falar “con estes colectivos afectados, porque temos moi claro que aportarán novas ideas”. “Non se deben tomar decisións sen escoitar a persoas que poñen a mobilidade ciclista na práctica diariamente”, salientou.
Benítez insistiu en que a Deputación quere “liderar un debate público sobre a necesidade de crear unha rede de itinerarios nos que a mobilidade ciclista poida servir, por unha banda, para facilitar os desprazamentos cotiás de todo o mundo e, por outra banda, funcionar como elemento atraínte para o turismo e lecer”, un campo aínda por explotar na provincia.
“Hoxe neste encontro falouse máis de filosofía que de cousas concretas, pero a nosa proposta é crear unha rede provincial de itinerarios ciclistas. Teremos que falalo e concretaremos e ver por onde se podería trazar esa rede, pero debe ser nun encontro no que se senten máis axentes dos que había nesta mesa hoxe”, insistiu.

Deja un comentario