+034 986 09 02 04 Martes 04 de Agosto de 2020

O alcalde da Lama inaugura no Consistorio unha exposición pictórica da artista Mila Alonso


Permanecerá no edificio municipal ata o 12 de agosto que será trasladada ao Casino de Antas onde se mostrará con maior amplitude

 

O alcalde da Lama, Jorge Canda, inaugurou oficialmente a exposición pictórica da artista da comarca Mila Alonso que permanecerá a disposición do público na Casa Consistorial ata o 12 de agosto.

Jorge Canda enxalzou as virtudes creativas da autora que ten nas paisaxes do río Verdugo e nos cabalos as súas principais fontes de inspiración. Esta mostra trasladarase, complementada con máis cadros, ao Casino de Antas a partir do 12 de agosto co fin de que poida ser admirada en toda a súa amplitude debido a que a limitación do espazo expositivo do Consistorio fai imposible albergar gran parte da obra creativa desta pintora.

Mila Alonso, licenciada en Belas Artes, é unha contrastada pintora que combina diferentes técnicas e materiais para conseguir un resultado espectacular nos seus cadros. Un realismo enxalzado con trazos vivos e rítmicos fan que as súas obras non pasen desapercibidas para o público en xeral e o especializado.

No Consistorio da Lama poderán verse cadros que teñen como motivo principal os cabalos, un belo animal admirado pola autora, que utilizando diferentes técnicas enxalza a súa beleza plástica para deleite do sentido da vista e o bo gusto pola pintura.

Tamén combina paisaxes e láminas de todo tipo debido a unha prolífera obra que converten a Mila Alonso nunha creadora que combina a vangarda co coñecemento técnico na aplicación aos seus cadros inspirados por unha gran creatividade que os fan únicos.

Deja un comentario