+034 986 09 02 04 Mércores 13 de Novembro de 2019

Ponte Caldelas dá a voz de alerta polo deterioro da Laxe das Cruces na Área Arqueolóxica de Tourón e pide axuda á Xunta de Galicia


O Goberno local presenta unha moción na que insta á Consellería de Cultura a executar obras urxentes de conservación dun espazo declarado BIC

O Pleno do Concello de Ponte Caldelas estuda unha moción presentada polo equipo de goberno na que se reclama que a Xunta de Galicia realice na Área Arqueolóxica de Tourón uns investimentos semellantes aos anunciados hai poucas semanas pola Consellería de Cultura para o Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro.
A moción está impulsada polo deterioro que vén de detectarse na rocha da Laxe das Cruces número 5, é dicir, a peza que contén ao gran cervo que é un dos elementos máis chamativos do conxunto. Os técnicos municipais alertaron de que as augas das escorrentías están lavando a base da rocha e producindo un desgaste excesivo, que mesmo compromete a conservación dun petróglifo singular en Galicia.
O deterioro é produto dun posible defecto durante as obras de restauración e creación da Área Arqueolóxica, acometidas no ano 2007. A incorrecta drenaxe provoca que as augas que baixan pola ladeira erosionen esta sensible peza dun conxunto patrimonial que está declarado Ben de Interese Cultural (BIC).
O alcalde, Andrés Díaz, afirma que o Goberno municipal está moi preocupado por esta situación. “Falamos de algo que é patrimonio de todos os galegos e atopámonos completamente sós para atendelo, cando creo que deberiamos contar co apoio da Xunta como titular das competencias en materia de patrimonio cultural e turístico de Galicia”. Engade que o actual equipo de goberno atopouse coa Área Arqueolóxica de Tourón en pésimas condicións e resulta triste ter que estar pedindo colaboración da Xunta para algo que debería ser “de oficio”.
O texto da moción explica que o Goberno local de Ponte Caldelas non quere permanecer impasible diante desta situación e, á vista dos anuncios dun investimento de 185.000 euros para o Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro, quere facer chegar oficialmente á Consellería de Cultura a necesidade de poñer tamén os ollos en Tourón. Por este motivo, pídese unha planificación anual de investimentos nas áreas arqueolóxicas galegas que vaia máis alá do oportunismo político.
Ademais, ínstase á Consellería a acometer un estudo específico, en estreita colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia, das necesidades dos xacementos situados nos concellos pertencentes á mancomunidade Terras de Pontevedra e repartidos polos concellos da capital provincial, Vilaboa, Marín, Poio, Vilaboa e, por suposto, tamén Ponte Caldelas e Campo Lameiro.
Finalmente, reclámase da Consellería a urxente restauración da Laxe das Cruces para corrixir este deterioro causado polas augas pluviais, o desbroce manual das máis de 15 Hectáreas de terreo da área arqueolóxica, a reparación dos sendeiros para paliar os danos causados polas choivas e, para rematar, a mellora na cuberta do Centro de Interpretación para solucionar os problemas de humidade interior.
A Área Arqueolóxica de Tourón é un xacemento, de máis de 150.000 metros cadrados, está integrado por cinco estacións de petróglifos. Os vestixios datan do final do Neolítico e da Idade do Bronce, polo que teñen unha antigüidade que os sitúa entre os anos 3.000 e 2.000 antes de Cristo. A orixinalidade das inscricións pétreas de Tourón está fóra de toda dúbida, pois atopamos figuras de todo tipo, con composicións realmente complexas. As cinco estacións da área arqueolóxica de Tourón son a Laxe das Cruces, o Outeiro da Forcadela, o Couto das Sombriñas, o Couto da Siribela e o Nabal de Martiño. Cada unha delas con singularidades e representacións artísticas ben coñecidas e apreciadas entre os especialistas da investigación arqueolóxica.

Deja un comentario