+034 986 09 02 04 Venres 21 de Setembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Diego Vites, María Maquieira, Basilisa Fiestras e Olmo Cuña, premiados coas bolsas Novos Valores 2016


O xurado seleccionou unha pintura, unha escultura, un debuxo e un vídeo como as mellores pezas de entre as 120 presentadas

Diego Vites coa pintura ‘Historiografía Tigua (sen xesta)’, María Maquieira co seu debuxo ‘El boceto ampliado’, Basilisa Fiestras coa súa escultura ‘Lentes’ e Olmo Cuñas co seu vídeo ‘Die sonne auf der Pfaueninsel’, son os premiados coas bolsas do certame Novos Valores 2016. O xurado considerou que a obra presentada, xunto coa súa proposta de investimento para bolsa de estudos artísticos que concede a Deputación, así como a súa traxectoria e currículo eran merecedores do máximo recoñecemento entre as 120 pezas que participaban no concurso.
Ademais das catro obras premiadas coa bolsa de 7.500 euros para estudos artísticos, o xurado tamén seleccionou outras 32 pezas que se mostrarán na exposición Novos Valores 2016, que abrirá nas salas de exposicións temporais da Facultade de Belas Artes e da Escola Superior de conservación e Restauración de Bens Culturais entre o 4 de agosto e o 11 de setembro. Alí poderanse admirar 13 obras de pintura, 7 de fotografía, 6 debuxos, 5 esculturas, 3 vídeos e 2 gravados.
A obra de Diego Vites (O Grove) ‘Historiografía Tigua’, segundo as súas propias verbas, trátase dunha pintura ‘tigua’ (pinturas ornamentais tradicionais feitas por mans de artistas indíxenas dos Andes ecuatorianos) na que se integrou unha figura allea á cosmovisión andina: un home-xesta. Este traballo é unha continuación da performance que no seu día fixera o autor na Cidade da Cultura de Santiago para acadar visibilidade no ámbito galego da arte contemporánea.
A intención de Vites, unha vez concedida a bolsa, é continuar na creación dunha historiografía máis completa seguindo a liña do traballo presentado: a mestura das pinturas indíxenas con arte contemporáneo galego a través de historias periféricas. O autor propón a realización dunha residencia de arte contemporáneo Quito ‘No-lugar’ para seguir e crear novas obras en colaboración con artistas indíxenas locais.
‘El boceto ampliado’, de María Maquieira (A Coruña), é un reflexo do traballo da autora sobre a figura humana ao acudir a debuxar ao laboratorio de anatomía da Facultade de Fisioterapia e Terapia Ocupacional de A Coruña. A súa obra consta de dúas partes: na ‘páxina’ dereita presenta algúns dos pequenos e rápidos estudos realizados, e na ‘páxina’ esquerda da un paso máis alá, elixindo un deses debuxos, completándoo e ampliándoo máis alá da escala real con bolígrafo negro –ferramenta que case sempre escolle para traballar- sobre un papel limpo branco.
A súa proposta para investir a bolsa é, como primeira opción, residir en Inglaterra para desenvolver un proxecto artístico tutorizado pola artista e docente Sarah Simblet na Rusking School de Oxford.
‘Lentes’ é a obra escultórica seleccionada polo xurado e realizada por Basilisa Fiestras (Pontevedra). A explicación que fai a autora da peza, que representa dúas mans feitas en xeso cos dedos representando unhas gafas fai referencia ao que está “tras o rostro, ao ocultamento e o anonimato. Baixo esta máscara outra máscara. Dous furados para ver o mundo”.
A intención desta alumna da Facultade de Belas Artes de Pontevedra é ampliar o proxecto ‘Reglas para un parque humano’, que consiste na fragmentación do corpo e na realización de composicións orgánicas que remitan ao corporal.
Finalmente, a obra de Olmo Cuña (Vigo) ‘Die sonne auf der Pfaueninsel’ recolle os xestos gravados na primavera de 2012 na illa berlinesa de ‘Pfaueninsel’ (coñecida como dos pavos reais). Eses xestos, segundo di o autor, son reaccións á arquitectura da illa, con castelos e pontes de estilo neogótico; á fantasía que se crea nos espazos naturais; e tamén aos primeiros raios de sol.
A súa intención é rematar os seus estudos de arte contemporánea do programa educativo SOMA en México, un espazo que permite estimular o diálogo e a colaboración entre artistas e axentes culturais de diferentes contextos, disciplinas e xeracións, analizando colectivamente as consecuencias estéticas, políticas e sociais da produción de arte.

A concesión das catro bolsas será obxecto dun convenio entre os adxudicatarios e a Deputación, no que se concretará o seu emprego e o prazo, que non será superior a un ano. Nese tempo, os bolseiros deberán entregar unha memoria xustificativa do traballo e do investimento realizados e tamén unha obra orixinal e asinada. Como recoñecemento ao traballo, a institución provincial comprométese como culminación do certame a programar nas instalacións do Museo unha exposición con obras das catro persoas premiadas.

Deja un comentario