+034 986 09 02 04 Martes 13 de Novembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A Xunta de Goberno achega outros 750.000 € a cinco municipios da provincia ao abeiro da liña 1 do Plan Concellos


O Goberno provincial leva investidos preto de 20,2 millóns de € ao abeiro da liña 1 do Plan Concellos 2016, un grao de execución do 73%

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou esta semana un investimento de preto de 800.000 € ao abeiro da liña 1, investimentos, do Plan Concellos 2016. Nesta quenda, os beneficiarios do plan estrela do Goberno provincial, que reparte os fondos aos municipios de menos de 50.000 habitantes con criterios obxectivos e sen libre disposición da Presidencia, foron os concellos de Agolada, Marín, Mondariz-Balneario, O Porriño, Salceda de Caselas e Valga, que recibiron entre os cinco a cantidade de 753.644,51 €. Mondariz-Balneario e Valga, pola súa parte, acadaron o 100% no grao de adxudicación ao abeiro das catro liñas do Plan Concellos, obtendo un investimento por parte da institución provincial de entre preto de 300.000 (286.605,29 € no caso de Mondariz-Balneario) e de 500.000 euros (449.274,05 € para Valga).

Ata o momento, o Plan Concellos leva investidos dentro da súa liña 1 20.190.036,68 € nos concellos da provincia, o que supón un grao de adxudicación ata o momento do 73,1% en canto a investimentos.

As actuacións aprobadas esta semana pola Xunta de Goberno son as seguintes: Marín recibe 156.534,27 € para a reconstrución da ponte Zapal e a urbanización da rúa que leva o seu nome, Mondariz-Balneario elaborará un proxecto de rehabilitación da praza de abastos da vila por valor de 84.167,47 € ou O Porriño, que recibe un investimento de 116.284,63 € para o acondicionamento dun local como futura sede do arquivo municipal da vila. Pola súa banda, Salceda de Caselas recibe outros 196.308,14 € coa fin de elaborar un proxecto de humanización das rúas Compostela, A Coruña e parte de Rafael Tilve Adrio e, por último, Valga recibe unha achega de 200.350 € para o saneamento dos lugares de Casal de Eirigo, Medela, Canle, Cotriños e Carracido.

Á marxe de Mondariz-Balneario, Vila de Cruces e Valga, ao 100%, o grao de execución do Plan Concellos nestas vilas atópase da seguinte maneira: Marín ao 54%, O Porriño ao 78% e Salceda de Caselas ao 93%.

Deja un comentario