+034 986 09 02 04 Luns 17 de Decembro de 2018

Arévalo e Rueda asinan un convenio que lle permitirá a Mos manter unha brigada de protección e defensa do medio ambiente


Estará integrada por 3 compoñentes que se suman ós 14 novos traballadores da brigada forestal subvencionada pola consellería de Medio Rural
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o vicepresidente da Xunta de Galicia e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, veñen de asinar un convenio de cooperación entre ambas administración para o mantemento dunha brigada de tres compoñentes de protección e defensa do ambiente e espazos naturais ata o 31 de outubro de 2016.
O persoal que conformará esta brigada, integrada no Servizo Municipal de Emerxencias, será seleccionado e contratado polo Concello de Mos grazas á subvención autonómica de 25.000 euros con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental.
Respecto deste convenio de colaboración Arévalo, rexedora local mosense, amosouse hoxe “enormemente satisfeita, vista a necesidade municipal do mantemento dunha brigada integrada no Servizo de Emerxencias do Concello, que ten como finalidade a prevención, control e mantemento de zonas verdes e forestais; actuacións en materia de tratamento e control de materias perigosas, e colaborar na vixilancia e extinción de incendios forestais dentro de Mos e localidades limítrofes”.
Estes traballos resultan imprescindibles e necesarios para a entidade local e a prestación de servizos municipais por parte desta. Trátanse de labores que se encaixan dentro da protección do medio ambiente e do espazo natural, e responden ao obxectivo primordial da prevención, extinción e xestión de situacións de sinistro ou de risco.
Así pois, este convenio de colaboración responde ao interese público e social que representa o fomento de todas aquelas actuacións que permitan potenciar e apoiar a prestación de servizos de calidade por parte do Concello de Mos e do seu Servizo Municipal de Emerxencias en particular.
Estes tres novos traballadores sumaranse ós 14 que o Concello de Mos xa contratou e comezaron a operar o mes pasado grazas a outra subvención da consellería de Medio Rural.
O Concello de Mos iniciaba a comezos do mes de xullo a súa campaña municipal contra incendios deste verán coa contratación, grazas ó convenio por tres anos asinado coa consellería de Medio Rural, de 14 traballadores: 5 operarios integrantes dunha brigada forestal e 9 condutores para os vehículos motobomba.
Este convenio asinouse por tres anos, conseguindo unha maior estabilidade do servizo prestado. As funcións destes 14 traballadores son de prevención e defensa forestal, reforzando o xa existente Servizo Municipal de Emerxencias e contando en todo momento coa colaboración dos integrantes da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Mos.
A alcaldesa Nidia Arévalo declarou “a importancia deste dispositivo de loita contra incendios, pero incidiu en que é preciso concienciar á cidadanía para intentar diminuír desde o primeiro momento o risco dun lume, xa que o monte é patrimonio de todos. Por iso insistimos en potenciar a prevención, a vixilancia e disuasión para que os montes mosenses non séxan vítimas dos lumes”, dixo.

Deja un comentario