+034 986 09 02 04 Mércores 19 de Decembro de 2018

Turismo de Galicia e os concellos de Arbo e Crecente apostan pola potencialidade das pesqueiras como reclamo turístico


A directora de Turismo de Galicia e máis os alcaldes de Arbo e Crecente asinaron un convenio de colaboración para mellorar o acondicionamento das pesqueiras Follagueira e Raña de Muíños

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, rubricou un convenio de colaboración cos alcaldes de Arbo e Crecente para mellorar o acondicionamento do entorno fluvial das pesqueiras, un dos principais atractivos turísticos do curso baixo do río Miño.

As zonas onde se vai actuar serán a Pesqueira Follagueira e a Pesqueira Raña de Muíños. Nestas áreas levarase a cabo unha limpeza, unha retirada de materiais non acordes e unha recuperación total das pesqueiras. Así mesmo, a través o convenio tamén procura a preparación da Pesqueira Follagueira como obrador, a colocación de paneis informativos e aparellos de pesca ademais de acondicionar a mellora da súa accesibilidade.

Estas actuacións incrementarán o atractivo da Ruta da Lamprea, un novo produto turístico diferenciador que dá a coñecer o importante patrimonio que rodea a este peixe e a súa captura poñendo en valor ao tempo os principais recursos naturais e culturais de dezaoito municipios galegos.

Así, grazas a esta nova aposta da Xunta de Galicia, mellorarase a accesibilidade e a experiencia do visitante deste recurso turístico ampliando a oferta turística destes territorios e conseguintemente de Galicia e potenciando un turismo sostible e respectuoso co medio ambiente.

Estas novas actuacións contribuirán a potenciar o valor das pesqueiras que constitúen un exemplo vivo da enxeñería popular e do coñecemento do río e presentan un legado de incalculable valor histórico, pero tamén un elemento vivo e en uso que achega unha dimensión cultural, económica e social a nosa comunidade.

Incremento dos viaxeiros e pernoitas na Ría de Vigo e Baixo Miño
Así mesmo, esta actuación contribuirá a fortalecer o sector turístico galego a través da posta en valor do noso patrimonio cultural e etnográfico impulsando a senda de crecemento que se está a producir nos viaxeiros e nas pernoitas dos establecementos hoteleiros da Ría de Vigo e Baixo Miño, en concreto, e de Galicia, en xeral.

No primeiro semestre do ano, os establecementos enclavados na Ría de Vigo e Baixo Miño rexistraron a mais de 214 mil viaxeiros, o que supuxo un incremento do 15,91% en relación ao mesmo período do pasado ano, Esta mellora tamén se produciu nas pernoitas que se situaron preto dos 405 mil, un 22,84% máis que no 2015.

Deja un comentario