+034 986 09 02 04 Martes 21 de Agosto de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A Deputación acometerá unha actuación na contorna do Porto de Campelo para mellorar a mobilidade peonil


O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, reuniuse cunha representación do goberno local de Poio para estudar diferentes actuacións relacionadas coas estradas provinciais ao seu paso por esta localidade

O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, e varios técnicos provinciais mantiveron unha xuntanza de traballo cos concelleiros de Poio, Xulio Barreiro e Gregorio Agís, e coa deputada provincial e tamén concelleira, Chelo Besada. Na xuntanza acordouse que o departamento que dirixe Uxío Benítez leve a cabo unha actuación na contorna do porto de Campelo, no trazado da estrada provincial que pasa por este punto, para mellorar a mobilidade peonil. Ambas administracións estiveron de acordo en promover esta actuación e aproveitar a senda peonil realizada por Costas (Dirección General de Sostenibilidad de la Costa y del Mar, dependente do Ministerio de Medio Ambiente) para continuala no tramo de titularidade provincial.
Na mesma xuntanza tamén se tratou a solicitude do colectivo ‘Pedaladas’ de realizar un itinerario ciclista entre Combarro e Pontevedra. Neste punto, tanto a Deputación como o Concello acordaron estudar a viabilidade desta solicitude. O estudo contemplará a posible realización dunha senda peonil, que garanta a convivencia entre os diferentes sistemas de desprazamento nesta vía e permita recuperar espazos para as persoas.
Por último, a xuntanza tamén foi aproveitada para analizar as necesidades de reformulación do proxecto da estrada Portosanto –Campelo e plantexar actuacións racionais e en consonancia cos criterios de mobilidade sostible que se están promovendo desde o organismo provincial. A reformulación do proxecto incluirá, polo tanto, as medidas que os técnicos determinen en cuestións relativas ao calmado do tráfico, á seguranza viaria, ás necesidades dos colectivos máis vulnerables, e o respecto á singularidade da contorna. Os representantes do Concello de Poio estiveron de acordo en que a Deputación reformule o proxecto e fixouse un prazo orientativo de dous meses aproximadamente para unha nova xuntanza, na que se revisaría o proxecto xa reformulado.

Deja un comentario