+034 986 09 02 04 Xoves 18 de Xullo de 2019

Máis de 200 corredores gozaron dunha carreira “+5 Bandeira Azul” de Ponte Caldelas que se aproximou ao río Verduxo


En homes a vitoria foi para Gustavo Santiago e na categoría feminina impúxose Blanca Labandeira

A segunda edición da carreira popular “+5 Bandeira Azul” celebrouse na tardiña do sábado con importantes novidades. A organización introduciu algúns cambios e optou por un percorrido que se achegou ao máximo ao río Verduxo para explotar todo o seu potencial paisaxístico.
Na categoría masculina o vencedor foi Gustavo Santiago, cun tempo de 18 minutos e 36 segundos, seguido moi de preto polo que liderou a carreira dende o inicio, o morañés Abel Barros. O terceiro posto foi para Manuel Lorenzo.
En mulleres venceu Blanca Labandeira, quen investiu 24 minutos e 22 segundos en cubrir os 5 Km, seguida a moi poucos segundos por Fátima Quintana. A terceira foi Ana Alonso.
O alcalde, Andrés Díaz, e o tenente de alcalde, Manuel Barreiro, foron os encargados de entregar os trofeos e recibir aos participantes. O alcalde volveu participar na carreira e o tenente de alcalde foi o encargado de dar a saída.
Ao remate, Andrés Díaz, advertiu que tiña observado algúns elementos positivos co cambio do percorrido e adiantou que para o ano que vén, xa co Sendeiro Azul (o camiño fluvial que une toda a beira do río ao redor da praia da Calzada) en servizo pode haber máis cambios no percorrido. A idea pasa tamén por ofrecer unha distancia de 10 Km, posiblemente compatible cun percorrido simultáneo de 5.000 metros.
Máis de 200 corredores participaron nesta proba deportiva que encheu de actividade á Vila de Ponte Caldelas. A xornada comezou ás 19.30 horas coas carreiras de todas as categorías inferiores e, tras a proba sénior e veteranos das 19.30 horas, chegou unha clase maxistral de zumba e, finalmente, un concerto do grupo Black Stones.

Deja un comentario