+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Outubro de 2018

A Xunta asiste en Tui ao acto de presentación da Agrupación Europea de Cooperación Territorial do Río Minho


O novo organismo dota á cooperación no territorio transfronteirizo do Miño de personalidade xurídica propia

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, asistiu hoxe ao acto de constitución da nova Agrupación Europea de Cooperación Territorial do Río Minho, que tivo lugar en Tui, e foi presidido pola presidenta da Deputación provincial de Pontevedra, Carmela Silva.
Tamén contou coa asistencia do presidente da Cámara Municipal de Viana do Castelo e da CIM AltoMinho, José María Costa, o vicepresidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte (CCDR-N), Ricardo Magallaes, e o presidente de Uniminho, Manoel Baptista.
No acto de inauguración, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE subliñou que a constitución hoxe da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Río Miño permitirá aproveitar os instrumentos da Unión Europea para facer a cooperación no territorio transfronteirizo do Río Miño “máis visible e máis útil para os cidadáns”.
Así, durante o acto de presentación da entidade, Gamallo remarcou que a creación desta AECT supón crear “un marco xurídico regulador da traxectoria de colaboración existente no territorio transfronteirizo do Río Miño”, posto que se trata dun instrumento nado do dereito comunitario, con personalidade xurídica propia para contratar actuacións e servizos de interese para os socios galegos e portugueses e para a cidadanía.
Xunto con isto, o director xeral puxo en valor que a posta en marcha da entidade permite “que potenciemos e afondemos na cooperación de proximidade como modelo de xestión eficaz e de cidadanía europea”. Non en van, segundo salientou, esta é xa a terceira AECT que nace na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Entre as vantaxes que conleva a constitución da AECT do Río Miño, Gamallo destacou que supón “abrir a porta á xestión conxunta do financiamento necesario para tirar o máximo rendemento das relacións entre as dúas beiras do Miño”. Tamén lembrou a necesidade de aproveitar a potencialidade da AECT para continuar o camiño iniciado co obxectivo de acadar unha xestión “coordinada, coherente e máis eficiente das dúas beiras do Miño”, polo que avogou por afondar na xestión de equipamento conxunta, na xestión de servizos comúns ou na posta en marcha de mecanismos conxuntos de coordinación en eidos como a mobilidade, a xestión turística conxunta ou a valorización dos recursos da pesca fluvial. Nesa liña, apostou por facer chegar a moitos máis veciños e servizos as vantaxes da xestión conxunta e compartida de instalacións e funcións municipais, evitando duplicidades e aforrando custos.
Gamallo aproveitou para facer balance da Cooperación Transfronteiriza entre Galicia e o Norte de Portugal, así como do camiño percorrido pola Eurorrexión e dos novos retos que se abren na nova etapa que se iniciará no próximo outono, cando Galicia asuma a Presidencia da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal. O balance, en todo caso, lembrou, “ten que ser necesariamente positivo, non só no desenvolvemento concreto dos programas, proxectos ou iniciativas como as das AECT, que atopan un referente e un modelo na AECT Galicia-Norte de Portugal, con sede en Vigo, senón tamén, e mesmo isto é aínda máis importante, na consolidación do propio concepto de Eurorrexión, de experiencia compartida e vivida entre os cidadáns tanto de Galicia como de Portugal, que afonda e profundiza o concepto de Cooperación de Proximidade.
Finalmente, lembrou que na Eurorrexión seguimos a traballar para consolidar o crecemento e estendelo a ambos lados do Miño, buscando sempre vías de desenvolvemento cara ao futuro. Por iso apostamos polo programa de bolsas e intercambio universitario IACOBUS, ou pola competitividade empresarial, a reindustrialización de zonas máis afectadas pola crise ou os programas de creación de emprego. Neste momento, os indicadores macroeconómicos indican un cambio cara a unha conxuntura máis favorable e cómpre poñer os recursos transfronteirizos ao servizo desta situación para aproveitar e tomar un impulso definitivo cara ao desenvolvemento.
A xuízo do director, resulta indubidable que a cooperación transfronteiriza é unha ferramenta de enorme utilidade para facerlle fronte con maior eficacia aos novos desafíos que puxo ante nós a situación de escaseza derivada da crise económica que estamos a superar a ambas beiras do Miño.

Deja un comentario