+034 986 09 02 04 Sábado 14 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A Exposición ‘Saúde e Terra, Irmá(n)s chega a Vigo da man da Deputación de Pontevedra


Permanecerá na Sede da Fundación Barrié de Vigo ata o 8 de setembro
A mostra, organizada pola Real Academia Galega, polo Museo do Pobo Galego e pola Deputación da Coruña, amosa o legado das Irmandades da Fala a través dun percorrido composto por máis de 130 pezas
Ás 11:3o horas, a Sede da Fundación Barrié en Vigo acollerá o acto de apertura oficial da mostra ‘Saúde e Terra, irmá(n)s’ coa que a Real Academia Galega, o Museo do Pobo Galego e a Deputación da Coruña conmemoran o centenario da fundación das Irmandades da Fala. A exposición comeza en Vigo a súa itinerancia na provincia, grazas a un convenio das entidades organizadoras coa Deputación de Pontevedra para achegar esta mostra á cidadanía da provincia.
O acto de inauguración estará encabezado por representantes das catro institucións. A Real Academia Galega estará representada polo seu presidente, Xesús Alonso Montero, o Museo do Pobo Galego polo presidente do Padroado, Justo Beramendi, a Deputación da Coruña pola vicepresidenta e responsable da área de Cultura, Goretti Sanmartín, e a Deputación de Pontevedra polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal. Tamén está previsto que o violinista Sergio Heredia interprete dúas pezas musicais co violín orixinal de Quiroga, que despois permanecerá na propia exposición. Entre as pezas musicais escollidas figura “Emigrantes celtas. Lonxe da terriña, lonxe do lar” de Manuel Quiroga. A visita guiada da apertura correrá a cargo de Pepe Barro, creador , deseñador e coordinador da proposta expositiva.
O percorrido expositivo relata a historia das Irmandades a través de dez temas que profundan na súa cerna. Cada un deles desenvólvese nunha cabina na que se poden ver publicacións, documentos, imaxes e obxectos, así como escoitar gravacións musicais e de discursos e artigos de persoeiros da época. Poderase contemplar ademais unha escolma de pezas artísticas vencelladas aos temas e motivos que moveron a acción das Irmandades dalgúns dos artistas máis relevantes daquel tempo.

Deja un comentario