+034 986 09 02 04 Luns 24 de Setembro de 2018

Alcaldesa e conselleiro de Política Social asinan o convenio para a construción da Escola Infantil da Veigadaña


Unha vez en funcionamento o novo centro, Mos será un referente autonómico respecto do número de prazas en Escolas Infantiles

Esta mañá asinouse no Concello de Mos, por parte da alcaldesa, Nidia Arévalo, e do conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, o convenio de colaboración entre o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e a administración local mosense para a construción dunha nova Escola Infantil na Veigadaña. No acto de sinatura estiveron presentes tamén o xerente do Consorcio, Perfecto Rodríguez, e os concelleiros mosenses Luis Alonso, Óscar Soto, Camilo Augusto e Cándido Pérez.

Grazas a este convenio o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar financiará a construcción e equipamento da gardería da Veigadaña, investindo unha cantidade 800.000 euros do orzamento total da obra que ascende a 1.031.141,55 euros.

Tras a sinatura do convenio, o seguinte paso será a licitación da obra. Será o Consorcio quen desenvolverá o procedemento de licitación pública e de adxudicación dos traballos de execución das obras correspondentes ao proxecto da Escola Infantil, redactado e aprobado polo Concello.

Unha vez licitada a obra, poderanse iniciar os traballos de construción do novo edificio, que se estima será de cara ao vindeiro inverno. Con esta nova Escola Infantil “Mos convertirase nun Concello de referencia a nivel autonómico no que respecta ao número de prazas de Escolas Infantiles ofertadas”, segundo declaraban hoxe os representantes autonómico e local, Rey Varela e Arévalo, respectivamente.

O pasado mes de maio o Concello de Mos recibía o informe favorable do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da consellería de Política Social da Xunta de Galicia sobre o proxecto da Escola Infantil de Veigadaña, cuxo documento básico foi aprobado pouco despois en Xunta de Goberno Local. Concretamente o 27 de xuño, levouse a aprobación en Xunta de Goberno Local o proxecto de execución da nova Escola Infantil da Veigadaña.

A futura nova Escola Infantil da Veigadaña será a terceira para o Concello de Mos. E estímase que a súa apertura realizarase o vindeiro ano 2017, tal e como se contemplaba dende un principio.

O novo centro infantil de 0-3 anos emprazarase na Veigadaña. Esta escola vaise converter no terceiro centro da rede autonómica ‘A Galiña Azul’ na localidade e vai elevar ata 164 as prazas públicas de educación infantil do Concello. O novo edificio constará de 82 prazas e 6 unidades.
Ademais deste novo centro na Veigadaña, a Xunta de Galicia puxo en marcha a Escola Infantil de Cototorrón (41 prazas), que abriu as súas portas en xuño de 2011. Unha vez aberta a futura gardería da Veigadaña vanse multiplicar por catro as prazas públicas de educación infantil existentes en 2009.

O Concello de Mos dispón xa de 82 prazas distribuídas en dúas escolas: a de Porteliña, que oferta 41 prazas, e a de Cototorrón, con outras 41 prazas.

 

A nova Escola Infantil da Veigadaña terá unha superficie útil de 600 metros cadrados, situada no núcleo rural de Veigadaña.

A terceira Escola Infantil da localidade mosense será pronto unha realidade. A alcaldesa de Mos explica neste sentido que “a necesidade dunha nova gardería era de vital importancia, dada a enorme demanda de prazas, demanda que ademais crece cada ano, e motivo polo cal a día de hoxe temos máis de 50 nenos e nenas en lista de espera para matricularse nas dúas Escolas Infantís existentes: Porteliña e Cototorrón”, declarou Nidia Arévalo.

Dada a gran demanda de prazas de gardería que aumenta anualmente de xeito substancial, a nova Escola Infantil que se construirá en Mos será do formato de seis módulos, que é o máis grande de entre os existentes.

O proxecto da nova Escola Infantil en Veigadaña configúrase cunha xeometría circular, optimizando a superficie e o aproveitamento da luz solar do edificio. Para formular a disposición dos distintos elementos, realizouse un estudo das orientacións da parcela, de modo que a zona de aulas disponse na parte sur e oeste, recibindo a máxima achega solar, mentres que a zona de servizos disponse na parte norte.

Dispóñense ademais diferentes espazos libres interiores para a realización de actividades de ocio.

Formúlase a utilización de sistemas de xeración de enerxía pasivos, tratando de adaptar o deseño do edificio aos estándares de sostibilidade. O proxecto pretende xerar un espazo interior de calidade no que alumnos e profesores poidan desenvolverse e gozar do proceso de aprendizaxe, unha actividade fundamental en idades tan temperás.

O proxecto foi realizado polos arquitectos Juan Ignacio Prieto López, Faustino Patiño Cambeiro e Estefanía Grandal Leirós; esta última é ademais unha novísima profesional veciña de Mos, que fará unha contribución de gran relevancia ó seu Concello con esta innovadora construcción de importantísima función social.

Deja un comentario