+034 986 09 02 04 Xoves 04 de Xuño de 2020
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Deputación de Pontevedra e CIM Alto Mino presentan a nova AECT Rio Miño como “unha oportunidade de desenvolvemento nun espazo común”


A presidenta do ente provincial, Carmela Silva, e o presidente da CIM Alto Minho, José María Costa, encabezaron a presentación dos estatutos da nova agrupación ante os 16 concellos galegos e as 10 cámaras municipais portuguesas adheridas

“Estou segura que a AECT nos vai permitir ter un territorio de referencia, e que será unha oportunidade de desenvolvemento para este espazo común” asegurou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, na súa intervención no acto de presentación da nova Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza Río Minho. A cita tivo lugar no Parador de Tui para presentar, ante os 16 concellos galegos e as 10 cámaras municipais portuguesas adheridas, os estatutos e a proposta de convenio aprobados o pasado 29 de xullo no pleno provincial.
Carmela Silva estivo acompañada polo seu homólogo portugués, o presidente do CIM Alto Minho, José María Costa, polo presidente de Uniminho, Manoel Baptista, polo vicepresidente da CCDRN, Ricardo de Magalhaes, e polo director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta, Jesús María Gamallo. O deputado provincial de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, foi o encargado de presentar o acto institucional e aproveitou para facer un repaso pola oportunidade de unión que o Río Miño ofrece e que “debe ser aproveitado como un elemento de cooperación e non como unha barreira”. “É responsabilidade nosa, dos representantes públicos, derribar as fronteiras que se foron creando co tempo” asegurou Benítez. Lembrou que se trata da fronteira entre España e Portugal máis poboada, con 375.995 persoas residindo no territorio transfronteirizo, que abrangue 3.312 quilómetros cadrados e que se sitúa na zona do fluxo económico situada entre Vigo e Porto. “Todas as iniciativas que temos a nivel local terán máis posibilidades de desenvolvemento se teñen un soporte máis amplo” sinalou o deputado.
Na idea de crear un novo espazo para o desenvolvemento tamén incidiu a presidenta da Deputación asegurando que “vivimos nun mundo global no que a competitividade é feroz e as dificultades e os novos retos moi complexo, e para facerlles fronte precisamos botar man de grandes ideas como este proxecto que estamos hoxe poñendo en marcha”. Carmela Silva fixo fincapé en que a nova AECT poderá dar cabida “a sectores económicos que teñen moito futuro se entre todos e todas os sabemos potenciar, e por iso este proxecto ten todos os ingredientes para dar respostas ás demandas dos emprendedores, das iniciativas locais e das nosas veciñas e veciños”. O obxectivo de conquerir “un mesmo espazo entre España e Portugal” tamén foi mencionado polo presidente da CIM Alto Miño, José María Costa, quen asegurou que “o río é un elemento central de referencia, un elemento de converxencia” que debe ser aproveitada para “seguir desenvolvendo estratexias de traballo conxuntas”. O presidente da CIM facía tamén referencia á labor herdada de Uniminho, cuxo presidente, Manoel Baptista, lembrou a traxectoria deste organismo desde 2006 ata desembocar na actual AECT.
Os estatutos e a proposta de convenio a asinar por ambas partes, toda vez foron aprobados en pleno provincial, deberán agora remitirse aos respectivos Gobernos centrais e, se pasados seis meses non houbese contestación, o silencio administrativo permitirá seguir adiante. Neste punto do procedemento, o que si se puxo de manifesto no acto desta mañá foi o apoio á nova agrupación por parte da Xunta de Galicia e da CCDRN de Portugal –Comissiao de Coordenaçao e Desenvolvimento Regional do Norte-. O vicepresidente da CCDRN, Ricardo de Magalhaes, louvou a creación da nova AECT e asegurou que este tipo de iniciativas son “froito de dinámicas locais en áreas directas, e este é o factor chave”. Fixo un repaso polo polas AECT xa existentes en zonas transfronteirzas entre o Estado español e Portugal e lembrou que na zona fronteiriza con Castela e León existen seis agrupacións deste tipo. Pola súa banda o director xeral de Relacións Exteriores, Jesús María Gamallo, puxo o foco en que “non se trata só de ter programas financiados pola Unión Europea, nós temos aquí o substrato social, económico e político que da pé a proxectos concretos”. O director xeral tamén salientou “a auto-identificación da xente, porque a xente do norte de Portugal e de Galicia saben que forman parte dunha eurorrexión”. Gamallo, que participa como conselleiro na AECT Galicia –Norte de Portugal, instou aos presentes a “ser capaces de facer bos proxectos, que é o que dalgún xeito artella este tipo de agrupacións”.
A presentación dos estatutos e da proposta de convenio realizouse ademais para dar conta ante os concellos e as cámara adheridas dos pasos dados desde a Declaración de Tui, asinada o pasado 13 de febreiro. “O de hoxe é un paso intermedio entre a Declaración de Tui e o momento no que os gobernos de Madrid e Lisboa dean o visto bo aos estatutos” sinalou Uxío Benítez. Ademais dos representantes das localidades de ambas beiras do Miño, tamén asistiron ao acto o deputado provincial de Cooperación, David Regades, e o comandantes navais do Minho en Tui e da capitanía do porto de Caminha.

AECT Río Minho
A AECT Río Minho será a terceira agrupación deste tipo que se formaliza entre Galiza e Portugal, despois da xa mencionada AECT Galicia-Norte de Portugal, e a AECT Eurocidade Verín-Chaves. Os dous socios principais da AECT Río Minho son a Deputación de Pontevedra e a CIM Alto Minho, entes baixo os que se reúnen 16 concellos pontevedreses (A Guarda, O Rosal, Oia, Tomiño, Tui, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra, Ponteareas, As Neves, Mondariz, Mondariz Balneario, Arbo, Crecente, A Cañiza e Covelo) e dez cámaras do Norte de Portugal (Melgaço, Monçao, Paredes de Coura, Valença do Minho, Vila Nova de Cerveira, Arcos de Valdevez, Caminha, Ponte da Barca, Ponte de Lima, e Viana do Castelo).
Segundo os estatutos da AECT o seu obxecto será o de facilitar e promover a cooperación territorial entre os seus membros a través de accións de cooperación territorial para a execución de programas ou proxectos cofinanciados principalmente polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, o Fondo Social Europeo ou o Fondo de Cohesión. Entre as atribucións da agrupación recóllese: articular o espazo común e fomentar as relacións de cooperación; incrementar a cohesión institucional do territorio de intervención; promocionar o patrimonio cultural e natural; o aproveitamento conxunto, defensa e protección do treito internacional do Río Minho e da súa bacía hidrográfica; promover o territorio da agrupación no exterior para poñer en valor as potencialidades dos recursos; e crear e consolidar a marca turística transfronteiriza Río Minho e outras marcas no ámbito nacional e internacional.
A nova AECT Río Miño será unha entidade con personalidade xurídica que permitirá xestionar fondos europeos, promover e organizar accións de cooperación do territorio de forma directa, así como servir de foro estable sobre o río Miño. En canto ao organigrama, a nova AECT estará formada por unha asemblea e un órgano executivo. A dirección será un organismo unipersoal rotatorio que ocuparán representantes de Pontevedra e Portugal cada dous anos, ao igual que ocorrerá coa vicedirección. Tamén haberá un Consello Coordinador, formado por membros das dúas partes, que será o encargado de asesorar á dirección e da xestión do día a día. Finalmente, haberá un Consello Consultivo aberto no que se organizarán foros específicos nos que poderán participar expertos en diferentes materias segundo as necesidades.

Deja un comentario