+034 986 09 02 04 Domingo 20 de Setembro de 2020

Mondariz contará, por primeira, cun servizo de Orientación Laboral


 

O Concello de Mondariz contará, por primeira vez na súa historia, cun servizo de Orientación Laboral que permita dar os primeiros pasos na situación laboral do municipio, tanto no que fai referencia a mellorar as posibilidades de emprego dos veciños e veciñas, como a facilitar e orientar o inicio de actividades emprendedoras no muncipio.
O Servizo de Orientación Laboral, que será conxunto para os municipios de Mondariz e Mondariz Balneario, é posible logo de que a Xunta de Galicia veña de conceder unha subvención de 23.000 euros para a posta en marcha deste servizo que comezará a funcionar no vindeiro mes de outubro durante un período dun ano.
Dispoñer dun Servizo de Orientación Laboral é un paso decisivo na intención do Goberno local de AporM-PSOE, de mellorar a situación de empregabilidade dos veciños e veciñas do municipio “como primeira medida de cara a asentar a poboación”.
As propias funcións do Servizo, falan da súa importancia, xa que os veciños e veciñas, contarán con información directa sobre o mercado de traballo e as ofertas de emprego existentes. Amais, o Servizo de Orientación Laboral realizará un perfil individualizado das persoas que estan en situación de desemprego, de tal xeito que permitan clasificar o grao de empregabilidade do demandante e dirixilo ás ofertas de traballo que mellor se adapten ao seu perfil.
Doutra banda, os emprededores e emprendeoras disporán dun servizo que os manteña informados sobre os incentivos e medios dispoñibles de apoio ás iniciativas empresarias, de tal xeito que saiban que axudas existen, onde se poden solicitar, como se poden obter e os pasos precisos para contar un apoio que, doutro xeito, sería difícil de acadar.
Trátase, en todo caso, de proporcionar ás persoas en situación de desemprego e aos emprendedores e emprendedoras, un servizo de intermediación transparente e, sobre todo eficaz. Nese sentido, cabe salientar que os concellos que contan con Servizos de Orientación Laboral, foron quen de mellorar os seus datos de empregabilidade da poboación dun xeito notable.
Cómpre salientar que en febreiro deste ano, Mondariz e Mondariz Balneario, asinaban un convenio de colaboración para solicitar, de xeito conxunto, a posta en marcha deste Servizo de Orientación Laboral. Facíano Xoán Carlos Montes Bugarín, e José Antonio Lorenzo, co convencemento de que ante a situación socio económica actual, “é preciso incrementar a empregabilidade das persoas desempregadas” que, entre os dous municipio, son un total de 574 persoas (531 de Mondariz e 43 de Mondariz Balneario).
Daquela, tanto Xoan Carlos Montes como José Antonio Lorenzo, amosaban o seu convencemento de que, na época actual, o desenvolvemento de ámbolos dous concellos pasa pola mutua colaboración, de xeito “que se poida facer unha xestión máis eficaz dos recursos públicos aforrando custes”.
A concesión da subvención que permite a posta en marcha desta servizo foi cualificada polo alcalde de Mondariz, Xoán Carlos Montes Bugarín como de “magnífica noticia” xa que, segundo sinalaba o rexedor municipal, “dentro das escasísimas competencias que os concellos temos en materia de emprego, a formación e, neste caso, a información puntual sobre as ofertas de emprego ou axudas ao emprendemento, son fundamentais para comezar a pensar nun desenvolvemento real do municipio”.

Deja un comentario