+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Setembro de 2019

Cotobade contrata por urxencia a reposición do alumeado afectado polo lume forestal en Vilanova e Almofrei


 
“A intención do Concello é que os veciños sofran as menores molestias posibles e conten con todos os servizos á maior brevidade”, explica

O Concello de Cotobade pretende que os efectos do lume forestal do pasado luns, que arrasou 365 hectáreas nas zonas de Tenorio, Vilanova e Almofrei, pasen o antes posible e os veciños poidan volver á normalidade no menor prazo de tempo. Para elo, contratouse por vía de urxencia a reposición do alumeado público afectado por este incendio nas zonas de Vilanova e Almofrei.

De feito, o alcalde cotobadés, Jorge Cubela, habilitou unha partida especial con fondos municipais para repoñer e reactivar o servizo da luz pública ás 24 horas de terse iniciado o incendio e tamén procedeu a súa adxudicación urxente. Ademais, o rexedor local está supervisando e coordinando estes traballos en persoa co obxectivo de que se fagan coa maior celeridade para devolver o alumeado ás zonas afectadas.

“A intención do Concello de Cotobade e do seu goberno local é que os veciños sofran as menores molestias posibles dentro da gravidade dos feitos e poidan contar con todos os servizos públicos funcionando a pleno rendemento coa maior brevidade”, explicou Cubela.

“Os veciños de Cotobade volveron estar á altura das circunstancias unha vez máis, nun momento moi difícil, botando o resto e sendo solidarios para protexer as súas vivendas e os nosos montes. Por eso, o goberno local quere, coma sempre, estar ao seu lado e, ademais de habilitar o pavillón e volcarnos con eles e coa extinción dos lumes, imos facer este esforzo para repoñer o alumeado canto antes e todo o que faga falta para que recuperen a súa tranquilidade”, manifestou o alcalde.

Finalmente, o rexedor, que está adicado case 24 horas ao día dende o luns para que todo o municipio supere este trance, tamén ten abertas intensas xestións con Telefónica para que se reactiven canto antes todas as liñas afectadas por estes lumes forestais, así como os demais servizos telefónicos auxiliares.

Deja un comentario