+034 986 09 02 04 Xoves 18 de Xaneiro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A Deputación comprométese a contratar a urbanización da rúa Gándara en Salceda de Caselas


O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, visitou  o tramo desta estrada provincial ao seu paso polo núcleo urbano da localidade para coñecer in situ as particularidades da contorna
O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, e o alcalde de Salceda de Caselas, Marcos Besada, acordaron acometer a urbanización da estrada provincial EP 2505 no tramo que corresponde á Rúa Gándara, no núcleo urbano desta localidade. Para materializar este compromiso, Uxío Benítez manifestoulle ao rexedor que se procederá a contratar esta actuación desde o ente provincial, e atendendo aos criterios de mobilidade sostible que se están a promover desde o seu departamento.
Segundo explicou o deputado nacionalista, “levarase a cabo un proceso de transformación desta vía para convertela nunha travesía urbana que teña en conta as medidas oportunas en canto ao calmado do tráfico e á seguranza viaria, e que integre os elementos desta contorna”. Benítez facía referencia á necesidade de realizar a actuación de xeito que contemple as necesidades e fluxos de tráfico, tanto de vehículos como peonís, derivadas dos equipamentos municipais colindantes con esta estrada, como son o parque, a piscina municipal, e o campo de fútbol.
En todo caso, Uxío Benítez insistiu na necesidade de plantexar a urbanización da rúa dando prioridade ás persoas, garantindo o desfrute dos espazos públicos, e a convivencia entre os diferentes sistemas de desprazamento. Os novos criterios de mobilidade sostible cos que se está a traballar desde o departamento provincial tamén terán en conta que o tramo no que se actuará remata nunha contorna de especial singularidade medioambiental como é a Senda do Río Landres “Francisco Estévez Martínez”. Neste sentido, o deputado de Mobilidade explicou que “acometer a actuación de xeito que se incrementen os usos sociais e medioambientais do noso patrimonio natural coincide plenamente coa filosofía da mobilidade sostible, na que o protagonismo se lle confire sempre ás persoas, e os espazos se conciben para garantir o seu uso seguro por parte da veciñanza”.

Deja un comentario